Select Page

por | Feb 27, 2018 | Concertos, Música | 0 Comentarios

Kings of the Beach: Surf, garage, punk, Samil

Todo comezou co concerto de Kings of the beach en Santiago, ao que me foi imposible entrar. Intransitable, como levaba tempo sen ver. Pero lembrei que esta anterior finde os KOTB daban tres concertos polo oeste galego, levando con eles o bo tempo, a vitamina D e as ganas de pisar dunha vez a praia e de que a brisa nos acaricie os peliños das pernas.

O bolo do día 23 de febreiro era, se cabe, máis interesante. Contando coa compañía dos tamén vigueses Mut e cos coruñeses Playa Desmayo. Para min foi un bolo de redescubrir e de recordar. O evento celebrouse no Distrito 9, en Coia (Vigo), barrio natal dos reis da praia, e por riba, tamén meu. Levaba moitos anos sen pisar ese lugar, e empezando por isto, a festa xa era emocionalmente especial para min.

Abriron os Mut, grupo que me resultaba completamente descoñecido, dos cales non hai rastro de documentos musicais na rede. Todo un misterio. Para internet, e para ollos e oídos de calquera espectadora. É certo que moitas estamos acostumadas ao son noise, moitas outras non, moitas outras simplemente precisan dese “click” para descargar toda a rabia, amor, instintos primarios canalizados nunha catarse espida envolta en papel de aluminio. Aínda que foses a persoa máis rara musicalmente do local, o delirio performático destes rapaces tan novos, non pasou desapercibido. Imprescindible velos en directo para entender do que falo.

A vida segue despois da hostia sonora dos Mut. De seguido foron chamados, exclusivamente para dar tralla, os Playa Desmayo. Tanto a esta banda como Kings of the Beach prácticamente vinas crecer, así que tentarei ser o máis obxetiva posible. A cousa vai de praias, e as praias e este tipo de música van da man. Letras que falan de pillarse ciegos como culto, da praia como lugar por excelencia dese culto, do desmaio como éxtase. Letras ás veces inintelixibles que se mezclan co son garaxeiro e surf nun hedonismo da birra fría en verao. Todo isto é o que nos quere transmitir Playa Desmayo, que sobre todo nolo fixo pasar moi ben ao son de berros de temazos como Chico Anal, Bossa Nova, Los Vándalos Hicieron De Las Suyas e o fresquísimo Rubia.

Chegou o momento. Estabamos todas alí reunidas porque os Kings of the Beach presentan novo disco: Super Awkward, Fucking Awesome. Un compendio do máis puro do surf, garage, punk, Samil. Sen pretender ofender as demais bandas, a calidade aumentou no minuto un do comezo dos coianos. Comezaron cun dos temas do seu novo disco, Slacker, tema que che desgarra dunha maneira super elegante. O concerto continuou sobre todo con temas novos cos que se nota que maman de bandas como Fidlar, Together PANGEA ou Ty Segall, como Blisters On My Teeth, Young Angus Young, Creisi Or What. 

Para empezar, a súa presencia no escenario xa é espectacular, tendo en conta o tipo de música do que estamos a falar, e tendo en conta o elevado número de bandas que existen do estilo. Baixo o meu punto de vista, hai moitas bandas tocando en festivais de gran calibre que ben podían poñer unha lista de reproducción coas súas cancións, e sería o mesmo. No caso dos KOTB, é desas bandas que transmiten de maneira exemplar que realmente o pasan ben co que fan, que gozan de ver gozar os demais, o que garante nos seus concertos a auténtica diversión, as descargas de adrenalina, a retroalimentación de enerxía , xuventude e nostalxia entre público e banda.

Neste concerto volvín ter 16 anos, cando o único importante nos concertos é pasalo ben e sobrevivir ao pogo. Sendo unha persoa que xa non presto o 100% atención a estes sendeiros musicais, os KOTB sempre conseguen, sen excepción, que remate facendo crowdsurfing. Máis ou menos na metade do concerto, sonou un dos temas aos que lle teño máis cariño, Nasty Beach, polo simple feito de que me recorda de manera inmediata aos videoxogos de Tony Hawk. O concerto rematou con catro hitazos comezando con Goats, que derrocha nostalxia, xa inherente nas bandas garaxeiras. Continuaron volvéndonos tolas cun dos seus mellores temas, Wasted / Young, o cal a min chégame moi ao fondo das tripas e da alma, e no que me deixei levar de todo coa marea humana, incluso pechando os ollos, excepto para deleitarme co precioso momento dunha fan coa imprescindible camisa hawaiana subindo ao escenario a cantar.

Cando parecía que toda a diversión explotaba finalmente cos seus temas máis parte-crismas, como son os xa clásicos para os asiduos dos seus concertos, Estella Jumanji, chega un tema para min homenaxe e oda de todo o que representan e me transmiten nos seus concertos, cancións e videoclips. Unha oda á adolescencia -esa etapa da vida da que tan mal falamos despois de pasala, pero que envidiamos moi no fondo pola capacidade de levar todo ao extremo-, ao tempo libre, á vida por diante, a vomitar o corazón, ao paso do tempo imperceptible, ao non pertencer a ningún sitio, a posuír literalmente o verao, a ser os reis da praia: King of the Beach de Wavves foi o último tema do concerto, dos que non faría falta dicir a notable influencia.

E así olvídase unha da vida nun concerto dos Kings of the Beach, banda máis escoitada en Austin (Texas) que en Santiago de Compostela, onde petan os locais. 

Kings of the Beach