Núria Graham: Xuventude e madurez

Núria Graham sorprendeu o ano pasado co lanzamento do seu segundo disco “Does It Ring A Bell?”, un traballo no que, a pesares da súa xuventude, atopabamos unha aproximación ao pop-rock madura e diferenciada. No momento no que soubemos que a cantautora catalana se pasaría por Galicia na súa xira de presentación deste disco sentimos a necesidade de asistir a algún dos seus concertos para comprobar cómo se desenvolve fóra do estudio.

Chegada a hora do concerto e case sen que nos deramos de conta, Núria subíu ao escenario da sala Sónar de Compostela ela soa, acompañada unicamente da súa Gibson SG de 12 cordas. O concerto deu comezo coa canción “Hide Your Emotions (Somewhere Safe)”, unha peza íntima que podemos atopar no seu novo disco e na cal Núria amosa moita soltura coa guitarra, sen buscar o virtuosismo en ningún momento mais facendo un uso moi axeitado dos harmónicos.

Tras esta primeira canción o resto da banda subiu ao escenario. Unha banda que acompañou perfectamente as cancións de Núria, mostrando moita complicidade e seguridade en todo momento, e demostrando que tamén disfrutaban interpretando esas cancións. Destacaron en particular as elaboradas liñas de baixo de Jordi Casadesús. A propia Núria tamén semellaba atoparse moi cómoda no escenario, e a pesares de confesar que se atopaba algo cansa tras pasar a maior parte dos últimos días na estrada, este cansancio non afectou o máis mínimo as súas interpretacións, as cales foron impecables ao longo de todo o concerto.

O bis consistiu en dúas cancións, a primeira de elas outra interpretación en solitario de Núria, e para pechar o concerto a canción “Peaceful Party People From Heaven”, a cal contou con unha pequena jam á metade e con algúns dos momentos máis enérxicos do concerto xunto con “Morphine”. Se seu último disco déranos a sensación de que Núria Graham aspiraba a ser unha das propostas máis interesantes do pop-rock indie a nivel estatal, este concerto foi a confirmación das nosas sospeitas, xa que as boas cancións que atopamos nos seus álbumes lograron brillar todavía máis nas súas interpretacións en directo.