John Williams – Star Wars: Os Últimos Jedi

15/12/17 • Lucasfilm ltd.

Nada poden aportar unhas liñas máis á carreira de John Williams. É algo inútil, a 26 de febreiro de 2018, contar que é un dos mellores compositores de todos os tempos. Hai quen dirá que o mellor, e outros discutirán este posto con Ennio Morricone ou Basil Poledouris. Os fans do indie, ao mellor, acórdanse máis nestas seccións de Vangelis, ou Jerry Goldsmith. Algún iluminado, pola súa banda, decidirá inutilmente meter nesta liga a Hans Zimmer, aínda que non é rival de ningún dos mencionados. Se nos paramos a pensar, seguro que a todas nos soa a entradiña de Star Wars, Indiana Jones, Tiburón, Jurassic Park ou Harry Potter, todo obras de Williams, por dicir algunha. Mais, aínda coa pouca aportación que podo facer, hai dous feitos claros: un, que John Williams volve estar nominado a un Oscar á mellor Banda Sonora, esta vez pola súa creación para Star Wars: Os Últimos Jedi; e dous, que hai moitos detalles que, seguramente, pasemos por alto á hora de escoitar unha obra como esta.

Cando nos paramos a ver Star Wars, pensamos na importancia que a música ten na saga? Sabemos por que asociamos tan ben a certas escenas, e xa non falo só dese inicio tan potente, senón a calquera encontro entre personaxes, coa música que está soando nese momento? Non: non é coincidencia en absoluto. É un traballo esaxeradamente ben levado, onde cada personaxe importante recibe un tema propio, e non só personaxes, senón planetas, tipos de batallas, tipos de naves. Todo, ou practicamente todo, está calculado para que as nosas orellas pensen á vez que os nosos oídos ao ver Star Wars. E ten máis mérito se pensas que estás ante a sétima película da saga, sen contar as películas e series derivadas que saíron dela e que cumpren as mesmas normas. Dende Anakin a Luke Skywalker, pasando por Darth Maul, Boba Fett, ou o mesmisimo Jar Jar Binks, todos teñen unha serie de notas que, de certa forma intercaladas, chaman á nosa mente ás personaxes. E non só iso, senón que, segundo que notas soan, podemos recoñecer a sensibilidade á forza ten cada personaxe, así como a súa importancia presente, pasada ou futura na historia. É un traballo que leva toda unha saga e moitas xeracións cambiando, transformándose, evolucionando, e facéndose máis grande. E todo baixo a batuta dunha persoa: John Williams.

A primeira grande novidade nesta filme é a presencia de Luke Skywalker, o último jedi coñecido. Na anterior película, as referencias á forza, debido á falta deste tipo de personaxes na historia, eran testemuñais, curtas e sen gran importancia. O mesmo pasaba cos sith, e é por iso que toda a música dos malos nesta filme é practicamente nova, deixando as lembranzas da Imperial March nas conversas directas sobre Darth Vader na película. Agora, con Luke sobre o escenario, as idas e vidas da música en relación á forza son moitas. En Ahch-To Island, as referencias son directas, rememorando a The Jedi Steps e Rey’s Theme da filme anterior, que se fusionan agora con The Force Theme da primeira filme da saga para crear algo novo e propio desta outra filme. Isto soa mentres os primeiros encontros entre Luke e Rey pasan, e o que está a acontecer transmite novas melodías á música. A última das mencionadas volverá de novo en The Sacred Jedi Texts, fusionándose con outro tema de O Imperio Contraataca do cal, para non facer spoilers da filme, mellor non mencionar.

Outro toque melódico interesante ocorre en Canto Bight. Por que? Porque está construída de maneira similar á que se construíu no seu día o Cantina Band da primeira filme, modificando o orde das notas sen perder a esencia. A intención disto, e lograda, era probar como sería unha evolución da música popular espacial naqueles tempos, modificando a fórmula para conseguir que o son, sen deixar de ser similar, fose novo. É importante destacar isto porque é un traballo mental interesante canto menos tentar re-crear algo coa idea en mente de que esta nova creación teña que plasmar a evolución cultural pasada en arredor de corenta anos de historia nunha galaxia moi, moi lonxana.

En resumo, e sen chegar ao spoiler, John Williams consegue coa banda sonora de Star Wars: Os Últimos Jedis crear unha continuación da saga no nivel auditivo. Igual que todo o que pasa na filme, evoluciona e recrea situacións que xa pasaron nas anteriores filmes, continuando a saga. Sen embargo, a importancia e o traballo que hai detrás dela é inconmensurable. Sen John Williams, Star Wars sería unha ínfima parte do que é.

John Williams