Select Page

The Florida Project: Ante a inxustiza tamén está permitido sorrir

Os que somos recoñecidos socialmente como adultos, con independencia da nosa madurez mental, tendemos a mirar atrás con nostalxia. A cando éramos cativos e todo se baseaba na diversión. No meu caso, os piares do meu día a día era ver a Son Goku lanzando “ondas vitais” no Xabarín Clube e a xogar a Pokemon no patio do recreo. Alí o ataque protección facíame invulnerable ás agresións no inimigo e do entorno. En The Florida Project non hai nin Xabarín, nin Pokemon nin recreo pero parece que os nenos da película usaron protección. Nun contexto realmente moi complicado son felices. A ilusión pola vida que desprenden é sen dúbida o que fai grande a esta obra. O que temos que agradecer ao seu director, Sean Baker.

Sitúasenos en Florida. Ao carón de Disneylandia atópase un motel onde conviven persoas que non teñen cartos para pagar un piso. Moitas delas son familias de estrutura complicada . Hai unha morea de nenos que fan o seu propio mundo entre as paredes moradas da construción. Roubar para comer convértese nunha aventura, vender ilegalmente nun xogo e que os veciños teñan graves problemas en simples anécdotas. Aparte, as personaxes infantiles están perfectamente construidos coa dificultade que isto radica. Son simplemente nenos. Sen sobreactuacións, sen dramas transcendentais. Neste sentido destaca a interpretación de Brooklynn Price como Moonee, a cativa protagonista.

Halley, a nai de Moonee é un desastre. Realmente non é para nada o que ela necesita para crecer convintemente. Consume drogas, sae de festa deixando na casa á nena, ten actitudes moi destructivas consigo mesma e comete ilegalidades. Pero é moi sinxelo xulgala. Non é culpa súa. Ela quere á súa filla por enriba de calquera cousa. Moitas das cousas reprochables que comete son por asegurar o benestar da súa filla. O capitalismo non lle deixou outra saída. Bria Vinaite actúa moi ben, sobre todo tendo en conta que é unha actriz novel á que o director atopou en redes sociais.

Pero se temos que destacar a unha personaxe entre os demais, este é Bobby, o xerente do motel. Willem Defoe fai unha interpretación absolutamente imperial. Bobby é a única persoa que se preocupa realmente polos habitantes do motel mentres as institucións danlles as costas. Quen vela pola súa seguridade, quen ameaza con botarlles todas as semanas pero nunca o fará porque sabe que el esas paredes de goma de mascar son a única fina rede de seguridade para moitas familias.

En canto ao puramente técnico, todo contribúe a crear un relato dende o punto de vista infantil. Dende a paleta de cores ata o montaxe. É brillante o uso que se fai da música na longametraxe. Ás veces, úsase dun xeito metafórico cando se enfoca aos cativos mentres pasan cousas terribles ao seu redor. Un xeito de dicir que a pesar das cousas terribles e duras que ocorren, a visión sempre é diferente se eles son os que viven. Un sorriso entre a escuridade.

Tras a notable Tangerine, Sean Baker volve e aínda mellor con The Florida Project. Sen dúbida, unha das películas do ano. É moi fácil caer no dramatismo e na hipérbole á hora de narrar esta clase de temas. Porén, neste caso faise cunha visión diferente. A pesar de que todo se derrube ao redor, sempre quedará a mirada dos máis pequenos. Onde a pesar do bonito da superficie, é a maior denuncia de todas. Aínda que ás veces teña demasiado sirope de arce.

The Florida Project


Director
: Sean Baker
Guión: Sean Baker, Chris Bergoch
Fotografía: Alexis Zabé
Ano: 2017
País: Estados Unidos

 

Cre Film | Freestyle Picture Company | June Pictures