Select Page

N.H.U. – N.H.U.

por | 24 Febreiro, 2018 | Música, Sábados de lembranzas | 0 Comentarios

1978 • Zafiro / Novola

N.H.U. – N.H.U.

N.H.U. (acrónimo de ‘una hermosa noche’ pero ao revés) foi o primeiro grupo galego que consolidou un son puramente progresivo, así como unha maneira de entender a música que se afastaba de radiofórmulas e estandarizacións para acoller a liberdade, a creatividade e a total experimentación musicais.

É preciso falarmos da súa historia para comprender a magnitude dun proxecto que, situado no panorama musical galego de mediados dos setenta – con todo o que isto conleva – non acadou o éxito que posiblemente merecera; sin embargo, foi pioneiro dunha vía de expresión musical na que os límites non estaban marcados.

As súas composicións, maiormente instrumentais, xestáronse nunha casa abandoada en Conxo que os membros da banda empregaban como local de ensaio. Alí practicaban tódolos días cunha rutina de traballo moi disciplinada (ás veces incluso a xornada partida) e daban renda solta á súa creatividade, moi influenciada pola pegada que deixaron neles outras formacións de fóra de Galicia coma King Crimson, Mahavishnu Orchestra, Yes ou Frank Zappa. Á par disto, o grupo desenvolveu outra faceta. Poderíase dicir que posuía unha dobre cara. Por un lado, todo o que xa se comentou: ese exercicio de exploración musical, lonxe das tendencias, que respondía case que a unha vinculación e un compromiso ideolóxico da banda coa propia música; polo outro, un set de cancións populares que a banda foi preparando co obxectivo de financiarse. Estas cancións tocábanas en vodas, festas e alí onde podían, baixo o nome de ‘Obradoiro’

Logo de múltiples cambios no conxunto e un servicio militar obrigado no medio da súa traxectoria, N.H.U. publicou o seu álbum homónimo en 1978. A formación que entrou a gravar a estudo foi a integrada por Roberto Abal (guitarra), Tino Grandío (baixo), Xosé Ferreiro (percusión) e Xurxo Pérez (Hammond e voz). Para sortear as dificultades de introducir no mercado da música unha proposta tan densa, o grupo prometeulle á discográfica (Zafiro/Novola) a utilización de gaitas; o que lles daría unha apariencia de banda de rock enxebre, moito máis adaptable ás condicións que esixía o mercado. Lonxe disto, as gaitas non apareceron por ningún sitio pero o grupo puido gravar un disco moi arriscado nunha boa discográfica por aquel entón.

No tocante ao apartado musical do álbum, N.H.U. adoptou os moldes e modelos que seguía o rock progresivo. Isto é, dotar de maior peso e credibilidade artística á música rock ao abandoar o corto sinxelo do pop en favor de técnicas de instrumentación e composición máis achegadas ao jazz e á música clásica; as cancións eran sustituídas por suites de longa duración e de instrumentación complexa. O álbum era entendido a modo de sinfonía, cos seus movementos. Non faltaban a improvisación, a experimentación electrónica e o uso de patróns musicais.

No primeiro corte, Na terra do verde chan, manéxase unha disposición moi típica do rock progresivo: a estructura circular. Dunha primeira parte introductoria que flúe de maneira atmosférica, pasaráse á parte máis definida do tema coas súas estrofas e retrousos que se fundirán nun tramo instrumental moi libre e intuitivo. Este tramo ocupará prácticamente todo o groso do tema para regresar novamente á marca do retrouso. É unha estructuración que se pode atopar en ‘Echoes’ de Pink Floyd ou en ’21st Century Schizoid Man Including Mirrors’ de King Crimson.

Os seguintes temas, puramente instrumentais, esgrimen todos os elementos da proposta de N.H.U.: constantes xogos rítmicos a partir do diálogo entre a guitarra e o hammond, nos que tamén hai sitio para o baixo en A titiritada – nas proximidades do math –; o control das intensidades e a significación do espazo musical en Friky & Alexo; a experimentación electrónica máis rudimentaria en Doente, que remite a ‘Speak to me’ do Dark Side of the moon, ou as consecutivas variables de peso entre cada un dos membros.

En Hai un tren aparece novamente a estructura circular pero tamén o uso da voz. Este non é máis ca un recurso que en todo momento subxace á parte musical, a cal rematará estoupando con toda a súa intensidade no último corte: A trancas e barrancas, un tema que ben pode definir o proxecto de N.H.U.

A pesares de que a crítica musical recibida foi óptima, a distribución e o número de ventas do ábum foi moito máis discreto. Ante a negativa das discográficas para a publicación de novo material, a banda rematou a súa andadura nos oitenta. Na nosa memoria musical colectiva quedará a pegada dun grupo que acolleu a vangarda do seu tempo e se atreveu a rachar co establecido. N.H.U. son patrimonio de todas.