por | Feb 23, 2018 | Literatura, Novidades | 0 Comentarios

181 anos de Rosalía

Este sábado 24 celebramos o Día de Rosalía de Castro. Numerosos concellos, escolas e entidades súmanse a esta homenaxe, que lembra a data do nacemento da autora.

Rosalía de Castro foi máis que poetisa. Unha das autoras clave do Rexurdimento, e unha das personalidades máis importantes para a nosa literatura, e a do século XIX en xeral; tamén para o feminismo, postura ideolóxica que se deixa entrever nos seus escritos. Como pasa acotío coas persoas adiantadas ao seu tempo, non se lle deu a merecida importancia na súa época, sendo recoñecida polos autores da Xeración do 98. A autora de Cantares gallegos e Follas novas (entre moitos outros) protagoniza esta semana numerosas actividades que xiran en torno á súa figura e obra.

Caldo de Gloria

Precisamente en Follas Novas inclúese a poesía chamada Miña casiña, meu lar. Esta inclúe a receita dun sinxelo caldo composto por uns poucos ingredientes básicos (coles, unto e fariña). A Fundación Rosalía de Castro animou a cociñar este plato en homenaxe, tanto na casa como nos restaurantes; na Casa-Museo de Rosalía en Padrón, incluso, poderase degustar o caldo de gloria cociñado por Pepe Solla.

Homenaxes ao longo do país

En Compostela haberá un acto principal no Panteón de Galegos Ilustres, en Bonaval. Este evento, organizado pola AELG (Asociación de Escritores en Lingua Galega) consistirá na interpretación de poesías de Rosalía pola Coral da Asociación cultural e musical Solfa, seguida da lectura do Manifesto da AELG e de poemas da autora.

Lecturas similares produciranse en Lugo ou A Coruña. En Ourense organizáronse actividades que se desenvolverán ata o día 27, e que inclúen un Concurso de Microrrelatos, unha exposición de alumnos de Educación Infantil, e unha actividade arredor dun mural no que calquera poderá deixar unha das poesías de Rosalía, e que amosará a cara da autora.

Tamén Pontevedra se suma ás actividades, co #Rosalíate; na mañá do sábado, a rúa peonil que leva o nome da autora encherase de música en directo e poesía. As poesías de Rosalía serán interpretadas e musicalizadas, e o evento contará tamén cunha sesión de Jam poética e creación ao vivo.

As actividades van moito máis alá, variando segundo o concello, pero todas buscan un mesmo obxectivo: revinidicar unha figura imprescindible para a nosa cultura e para a loita feminista, nun momento no que esta se atopa máis cuestionada que nunca.

Rosalía de Castro