The Pablo Collective – The Legacy of Pablo

13/02/18 • Autoeditado

por | Feb 22, 2018 | Discos, Música | 0 Comentarios

The Pablo Collective é definitivamente unha “banda” que soamente podería existir na era de internet. Poderiamos dicir que é un produto do seu propio tempo. The Pablo Collective como seu propio nome indica é un colectivo de produtores musicais que xurdiu a comezos do ano 2017 dentro da comunidade de 4Chan, inicialmente coa finalidade de realizar un remix de “The Life of Pablo”, o último disco do rapeiro estadounidense Kanye West. Este remix álbum titulouse “The Death of Pablo”, e transformaba por completo o son do disco orixinal convertíndoo nun álbum escuro e moi experimental.

Este proxecto gañou certa relevancia dentro da cultura musical de internet. Isto non nos debe resultar sorprendente. Tanto a orixe do colectivo como a súa maneira de traballar, empregando grabacións musicais xa existentes como materia prima principal para desenvolver este proxecto, as cales ademáis proveñen de un disco que tivo un grande peso dentro do mainstream, enmárcanos dentro de esta cultura dixital actual. De maneira moi similar a por exemplo os memes, a produción colectiva de contidos nos que se busca a resignificación de materiais xa existentes previamente é xusto o que nos atopamos aquí.

Un ano despois do lanzamento de “The Death of Pablo” atopámonos cun novo proxecto de remix de este disco chamado “The Legacy of Pablo”. Neste novo álbum de soamente dúas pistas de máis de 10 minutos cada unha atopamos de novo unha aproximación máis abstracta e escura á música de Kanye West. A pesares de consistir únicamente de dúas cancións atopámonos con estilos musicais diferentes como o dark ambient, o IDM en certos momentos de “THE EXHUMATION OF PABLO” ou o rock industrial no segundo corte, “THE DESECRATION OF PABLO”.

Unha vez máis estamos ante un lanzamento que propón algo moi diferente ao produto orixinal que remixea, no cal atopamos momentos que son interesantes, a pesares de que “The Death of Pablo” tratábase de un proxecto máis centrado e por momentos algo máis accesible. Se ben é certo que dende o aspecto estritamente musical non hai nada que sexa absolutamente radical ou rompedor, a maneira en que esta música foi producida si o é, e reflexa perfectamente o tempo no que vivimos e a maneira na que a xente se comporta, colabora e comunica na rede. Ademáis deste novo remix de “The Life of Pablo”, este colectivo dixital está xa preparando o lanzamento do sei primeiro álbum completamente orixinal, ao cal temos xa moitas ganas de dar unha escoita.

The Pablo Collective