O secuestro de ‘Fariña’ e o Efecto Streisand

O libro Fariña, no cal se inspira a próxima serie de Bambú, foi secuestrado de xeito cautelar por un xulgado de Collado Villalba, en Madrid. A medida cautelar chegou despois de que o ex alcalde de O Grove José Alfredo Bea Gondar denunciase unha presunta vulneración do seu dereito ao honor.

Esta semana coñecimos esta decisión xudicial, que pola contra non afecta ao proxecto de ficción baseado no libro. Segundo o criterio da xuíza Alejandra Fontana, non están concretados nin a fecha de emisión nin o guión. Pola contra, si que aceptou actuar trala denuncia do ex alcalde. O secuestro de Fariña consiste na retirada dos exemplares, tanto de tendas como de distribuidoras, así como na prohibición de novos exemplares.

Fariña, obra do xornalista Nacho Carretero, é un repaso pola historia e o mundo do narcotráfico galego. Constrúese partindo de testemuñas de diferentes fontes, tanto narcotraficantes como policías, xuíces, incluso familiares de adictos. O libro foi publicado no ano 2015 pola editorial Libros del KO, e superou a súa novena edición. Semella que a reacción de Alfredo Bea Gondar chega un chisco tarde. Casualmente, xusto cando se fala máis da adaptación televisiva que se está a preparar. O político é sinalado no ensaio como persoa vinculada co mundo do narcotráfico, feitos que a defensa sostén que son certos, chegando incluso a ser procesado por eles.

Reaccións

Ao coñecerse este secuestro, os comentarios non se fixeron esperar. Nas redes falouse moito do Efecto Streisand, o cal contempla as situacións nas que, ao pretender silenciar algo, se lle da máis relevancia de xeito involuntario.

Outro dos efectos que tivo a noticia foi nas ventas; Fariña convertíase así nun dos libros máis vendidos de Amazon.