por | Feb 20, 2018 | Libros, Literatura | 0 Comentarios

Pituxa, a fantástica nena da caca de ouro

Ilustración: Lidia Nokonoko

Pituxa é unha nena moi resolutiva e que adora o chocolate. Pero un día os seus pais non llelo poden mercar. Non só iso; botáronos do seu traballo e da súa casa. Os efectos da crise económica fanse evidentes nesta humilde familia; co pai enfermo, só contan coa axuda da xenerosa anciá dona Isaura, unha ex-trapecista chea de sorpresas. A situación semella non ter remedio, ata que un día, Pituxa fai unha caca de ouro. Dende ese intre, terán que facer fronte á cobiza de quen quere sacar beneficios deste insólito e escatolóxico poder.

Esta historia ten moitas virtudes, dende o seu bo ritmo ata a súa linguaxe irónica, pasando polas expresivas ilustracións de Lidia Nokonoko. Pero sen dúbida, a máis destacable é que pon o ollo sobre situacións tan duras e actuais como son a pobreza derivada da crise económica, os desafiuzos e a corrupción de certas personaxes, todos eles moi recoñecibles; e o máis importante, que o fai dende unha óptica desenfadada e humorística, incluso optimista, pero sen esconder ningunha desas lacras sociais. Entre cacas de ouro e malvadas máquinas zugamiolos atopamos banqueiros sen escrúpulos e brutalidade policial. Por sorte, tamén son reflexo da realidade personaxes como dona Isaura, sempre do lado da xustiza e dos seus amigos.

Pituxa ilustración

É de agradecer que nestes momentos, nos que parece que a tendencia na literatura infantil (ou na sociedade en xeral) é a edulcorización da realidade, xurdan traballos coma este, que arriscan ao contar grandes verdades disfrazadas de fantasía, sen tentar sobreprotexer ao lector, e que divirten dentro da súa irreverencia, ou precisamente grazas a ela. O riso ten un gran poder fortalecedor en situacións de adversidade, e Marcos López Concepción sábeo moi ben (ou o seu bolígrafo, auténtico autor desta obra, como el mesmo explica).

Pituxa, a fantástica nena da caca de ouro (escrita por un bolígrafo)


Autor
: Marcos López Concepción
Ilustración: Lidia Nokonoko
Ano: 2016
País: Galicia
ISBN: 978-84-9151-013-0

Galaxia