Dunkerque: Medio paso cara adiante

Interstellar (2014) foi o filme que logrou definitivamente dividir ao público ante as películas de Christopher Nolan. Tratábase de unha odisea espacial cargada de acción e altas pretensións. Un filme co que ou ben consegues deixarte levar pola narrativa e a épica que busca crear Nolan, ou ben non serás capaz máis que de fixarte nos tics negativos que o cineasta norteamericano foi acumulando ao longo das súas películas, e que en Interstellar estaban máis presentes que nunca.

O anuncio de que o filme que sucedería a esta película consistiría en narrar unha historia que tivo lugar durante a Segunda Guerra Mundial, e máis concretamente unha derrota do exército británico en Dunkerque, podía indicar un cambio de rumbo no estilo de Christopher Nolan, xa que semella que non hai moito espazo para plantexar paradoxas temporais ou fantasías oníricas en un filme bélico. E tras ver o resultado final podemos dicir que esto se cumpliu, en parte.

Tal e como podía semellar, Dunkerque (2017) é un filme con moita menos pretenciosidade que Interstellar. Aquí Nolan preocúpase principalmente por buscar transmitir as sensacións que os soldados británicos puideron sentir ao estar atrapados na praia de esta cidade francesa mentres sufrían o asedio das tropas alemás, e busca recrear esa sensación empregando a propia linguaxe cinematográfica. Debo dicir que dende meu punto de vista Nolan desenvólvese moito mellor en este terreo que nos seus filmes máis narrativos.

Algúns dos principais problemas que nos podiamos atopar nos filmes previos do cineasta norteamericano como poderían ser a sobreexplicación da trama ou a necesidade de incluír plot twists innecesarios de maneira reiterada nas súas historias non están presentes en esta película. Sen embargo si que persisten algúns outros como pode ser o uso constante e a volumes por momentos excesivos da banda sonora.

Así mesmo, ante o feito de que a historia narrada é relativamente sinxela, Nolan busca dotala de certa complexidade empregando constantemente a montaxe paralela para narrar tres historias distintas que en realidade non están sucedendo de maneira simultánea. Un recurso que se ben é xustificable, e seu uso é indicado mediante uns rótulos ao comezo do filme, non remata de ser de todo funcional e por momentos pode chegar a resultar algo caótico.

Tampouco se debe ignorar o enfoque ideolóxico do filme, xa que se ben a historia narra unha retirada do exército británico, a maneira en que é contado o final da película semella querer ocultar este feito, presentando os acontecementos que sucederon case como un logro por parte dos ingleses, dotando ao final de unha perspectiva nacionalista que resulta algo falsa.

A pesares de todo resulta claro por primeira vez na filmografía de Christopher Nolan que o director norteamericano é consciente de algúns dos seus erros, e se ben non todos eles son correxidos, si que é evidente que hai un certo progreso. Podería dicirse que esta película é un medio paso adiante na boa dirección.

Dunkerque
(Dunkirk)


Director
: Christopher Nolan
Música: Hans Zimmer
Guión: Christopher Nolan
Fotografía: Hoyte van Hoytema
Ano: 2017
País: Estados Unidos

Warner Bros. | Syncopy Production | Dombey Street Productions | Kaap Holland Film | Le Studio Canal+ | Ciné+ | RatPac-Dune Entertainment