Select Page

Natalia Lafourcade – Musas, Vol. 2

09/02/18 • Sony

por | Feb 19, 2018 | Discos, Música | 0 Comentarios

É sorprendente que unha artista como Natalia Lafourcade, que leva anos e anos colleitando éxito tras éxito, xa con dez Grammys Latinos e un Grammy nas súas costas, siga a ser capaz de sorprender tal e como fai. O ano pasado facíase, de feito, con dous premios dos Grammys Latinos máis, polo mellor álbum de folk e polo mellor vídeo longo no seu protagonizado Musas, El Documental, así como dous nomeamentos máis nestes e outro nomeamento aos Grammy para o mellor álbum de pop latino. Todos estes recoñecementos viñan polo seu Musas, un auténtico logro musical, unha orixinal sorpresa dentro do son tan tradicional que presentaba, e unha auténtica celebración aos ritmos do folclore latinoamericano. Musas era o seu quinto longo en solitario, e con el traía unha frescura impropia de algo así. Foi, para o que está a escribir esta reseña, unha fantástica ocasión para achegarse a sons cos que non soia estar familiarizado.

Pero Natalia Lafourcade non esgotara todo o que estaba pondo sobre a mesa. Todo aquel talento e celebración vería, só uns meses despois, a súa continuación. Esta continuación viría co volume 2 de Musas, o que temos agora aquí. De novo, todo aquelo que Natalia decidía traer tiña unha segunda oportunidade nos nosos oídos. Unha segunda oportunidade ben chegada, que nos tivo coméndonos as unllas ata a súa saída, cunhas ganas tolas de que chegase febreiro para escoitalo. E Natalia Lafourcade, xunto aos Macorinos, daríanos de novo unha auténtica lección de como o folclore pode ser recompensado e achegado ao son do século XXI. I é que, cantas artistas poden achegar algo con corte tan clásico con tanto tino?

Nesta segunda parte, Lafourcade volve descargar auténtica maxia. O son, similar ao do anterior volume, volve a traer á mesa auténticas marabillas, como Danza de Gardenias ou Duerme Negrito, onde cancións clásicas como novas composicións combinan practicamente á perfección na liña compositiva marcada, sendo un éxito capaz de traernos sensacións únicas. Natalia tráenos de novo unha mostra de virtuosismo estilístico envexable, materializando as súas raíces artísticas á perfección.

Sen embargo, hai un arma de dobre fío na obra: por un lado, o tempo que hai entre un álbum e outro consegue que o recordo do anterior xa estea dixerido, facilitando a escoita deste novo volume e permitíndonos desfrutar del e saciar as nosas ganas de máis; pero, polo outro, falla que, se ben volve encantar, non aporta nada novo máis que a continuación do xa creado, sendo patente agora a falta de sorpresa que tivo en nós a primeira parte.

Natalia Lafourcade demostra unha capacidade compositiva e unha adaptación estilística magníficas en ambos volumes de Musas. As sensacións traídas aos nosos oídos son únicas no momento material que nos tocou vivir, e a seriedade coa que a música é tratada aquí e no anterior merecen todo o respecto imaxinable. O segundo volume de Musas volve ser fantástico, mais a falta de sorpresa xoga unha pequena, aínda que non moita, mala pasada á creación final e as sensacións que é capaz de crear en nós.

Natalia Lafourcade