GoGo Penguin – A Humdrum Star

09/02/18 • Decca Records

Adóitase dicir no mundo da música que os terceiros discos son a proba do algodón, o momento en que unha proposta se consolida ou cae. Máis interesantes deberían ser os cuartos fillos, onde o que importa xa non é dotar de argumentos a propia poética musical, senón a de poñerse desde entón a explorar a partir da linguaxe creada e consolidada. Este é o caso de GoGo Penguin. O seu cuarto álbum, A Humdrum Star válese do seu redondísimo terceiro LP, Man Made Object, para perfeccionar propostas.

Poñámonos en contexto. O trío de jazz británico irrompen na escena perfilándose como os alumnos privilexiados do seu grande referente Esbjörn Svensson. É na súa segunda entrega, v2.0 onde dan co camiño da súa evolución: o seu será o jazz fusión, mais outro jazz fusión que non se alía co funk, co progresivo máis canónico. É un que toma por referente a música electrónica e os desenvolvementos do pop. En efecto, GoGo Penguin son jazzistas da xeración milenial e nunca quixeron comulgar cos fundamentos máis conservadores e caducos dun xénero ben saturado de epígonos. Esta batalla polo canon do jazz gañárona ao ingresaren no mítico selo Blue Note, dándolles xa un lugar na historia xunto a Coltrane ou Herbie Hancock.

A Humdrum Star, segundo álbum xa baixo o nome deste prestixioso selo podería levar un subtítulo. Algo do estilo de “como facer jazz na era do grande mercado da música”. En efecto, quen escoite este disco atoparase cunha produción pouco habitual (aínda que cada vez máis) para unha obra deste estilo. As revers, os ecos, detalles de sintetizadores e a gravación xa de por si con moi pouco ou ningún son de sala, batería, piano e contrabaixo comprimidos sen complexos e mesmo unha masterización máis propia dun álbum de metal. A evolución do grupo é cara á madurez. Sen dúbida este é o disco máis contido e máis intelixente, eficaz, sen artificios. A aposta é claramente minimalista nun sentido máis profundo: nada sobra, todo está porque ocupa un espazo necesario.

Poderiamos dicir que este é un álbum tripartito. Nestes tres desenvolvementos perceptibles nunha escoita detida móstransenos sucesivos niveis en que se explotan moi poucos conceptos musicais pero cunha profundidade enorme: o obstinato, o pedal, o silencio e o espazo sonoro e a textura.

Desde o primeiro corte ata o cuarto manéxase a proposta do disco a un nivel máis básico: primarán as estruturas da electrónica, a repetición, ritmos de loop, manexo preciosista das intensidades e peso significativo da produción en estudio. Isto implica que a concepción dos temas sexa máis holística; os tres instrumentos non se superpoñen, senón que se acumulan para crear unha masa musical cunha gran homoxeneidade, parece que seguindo as ideas do mesmo Ligeti. Este disco vai de mantras e foxe de calquera alarde virtuosista. Quizais por iso o propio título estivese ben escollido. Sacrifícase un piano que ata o de agora foi a punta melódica de GoGo Penguin. Teñen agora moito máis que dicir nese plano contrabaixo e, en menor medida (pero sen menosprezar), batería. Desde logo que queda descartado calquera aceno de swing ou de groove máis clásico. Como na música electrónica, os elementos rítmicos crean o corazón da música mentres que o piano, neste caso, se encarga da heroica tarefa de dar un espazo sonoro e unha textura óptimas.

A partir do quinto tema, Strid, comeza o clímax, que se prolongará cara ao seguinte, Transient State. Esta é a dupla escollida para levar á máxima intensidade os fundamentos do disco, que se desenmascaran na primeira parte. Dámonos conta dunha sospeita xa de comezo: Hiromi Uehara é unha nova e fresquísima influencia para GoGo Penguin (os mestres tamén hai que saber escollelos). Introdúcese o silencio como un ingrediente significativo. É probable que estas dúas primeiras partes sexan máis ben unha serie de exercicios de estilo cara a unha proposta musical máis perfeccionada. Por iso tamén hai puntos débiles aquí e hai que recoñecelo: poderíase pensar que o disco cae nunha deriva máis ambiental, de paisaxes musicais, onde o fundamento rítmico é moito máis plano ao tratarse dunha estética electrónica, de caixas de ritmos.

Mais para solventar esas dúbidas chega a terceira parte, dos últimos tres cortes. O disco adquire un ton crepuscular con harmonías máis coloreadas, pero á vez escuras que nos fan pensar en músicos da talla de Joe Henderson, clásico, ou Tigran Hamasyan e Mouse On The Keys, con cores máis afastadas da tradición occidental. Aquí é onde nos volvemos atopar co GoGo Penguin máis de sempre, con melodías intrincadas en xogos polirrítmicos de grande profundidade, desenvolvementos xa máis curtos e temas que non son xa tan só mantras. Iso si, paradoxicamente, este regreso á poética habitual desde os camiños antes comentados fai que realmente todo cambie. Este novo GoGo Penguin aprendeu a sacarlle o máximo significado a debuxos mínimos, silencios e estruturas máis liñais, desde os pedais e os obstinatos. O final de festa é bárbaro con Reactor (nel escoitamos a Avishai Cohen perfectamente) e o delirio math de Window.

GoGo Penguin