Bibiano – Estamos Chegando ó Mar

Bibiano – Estamos Chegando ó Mar

1976 • CFE

Bibiano – Estamos Chegando Ó Mar

Se falamos de Voces Ceibes, tal vez o nome máis coñecido sexa o de Benedicto. De corte tradicional, Benedicto convirtíuse nunha das imaxes máis coñecidas do colectivo, deixando temas como No Vietnam ou Eu Son a Voz do Pobo. Cando os tempos de Voces Ceibes xa eran vidos, case no final dos tempos do colectivo, Benedicto deixouno e entrou pouco despois Bibiano. Ambos tocarían en solidariedade con Santiago Álvarez en A Coruña, no 1976, sendo unha boa toma de contacto co antes e o despois do colectivo. A principal aportación de Bibiano foi a experimentación na música do colectivo. Con el, chegaron as guitarras, o rock progresivo, e a música anglosaxona. Chegaron os Beatles, os Rolling Stones, The Doors. Como un lavado de cara musical no colectivo, mais tamén como vangarda estilística tendo en conta o resto de música que se facía en Galicia no tempo.

O álbum comeza con Estamos Chegando ó Mar, onde Bibiano canta ao mar entre as primeiras e claras experimentacións musicais, con guitarras e baixos graves, arpas e instrumentalización galega clásica como gaitas realizando un traballo de acompañamento, sen chegar nunca a ser máis que testemuñas da obra que Morón está a crear.

Poucas persoas poden dicir que puxeron música a un poema de Uxío Novoneira con tanto tino como Bibiano fai en Amador e Daniel, poema que Novoneira dedicou a Amador Rey e Daniel Niebla, responsables de CCOO que morreron nas protestas sindicais dos estaleiros de Bazán, o 10 de marzo de 1972 en Ferrol, tras disparar a policía franquista contra eles. O poema consta de catro versos cheos de rabia e tristeza, que Bibiano alonga durante dous minutos e trece segundos cheos de paixón, dureza e tristeza, cunha experimentación musical capaz de engadir aínda máis dor a un poema xa de por si incriblemente tenso.

Tras ese momento de gran experimentación, Bibiano deixa de lado a progresividade e abraza o son máis clásico do folk galego. En O Can, pandeiretas aparecen con gran protagonismo, e o son costumbrista mantense en Cantiga de Amor e Medo, Unha Mañán (que conta con guitarras moi similares ás do pop estadounidense da época) e Garda a Navalla. Excepción desta ronda será Os Orfos, onde, se ben tamén cun son clásico, Bibiano tenta crear un ambiente propicio para a experimentación. As guitarras clásicas son acompañadas de sons psicodélicos das súas irmáns eléctricas, e unha voz secundaria apoia a de Bibiano nos momentos claves do tema.

En Os Cabalos Brancos, a fusión do folk clásico e progresivo comeza a facerse forte de verdade. Tras todos eses temas nos que o folk clásico reinaba e deixaba de lado a experimentación, comezamos na mesma liña para, case a finais do tema, darlle unha oportunidade a unha batería cun ritmo soberbio, aos ecos, e a un rapidísimo canto no retrouso. Rematará, tamén nunha mestura clásica entre o costumbrismo clásico e a modernidade, con Agora entramos nós, onde, se ben o corte que Bibiano escolle na canción é clásica, un piano moi típico do pop estadounidense dos sesenta aparece para rematar con boa imaxe o álbum.

Os seguintes traballos de Bibiano, Alcabre (1977) e Aluminio (1979) non fixeron máis que aumentar as ideas vangardísticas que Bibiano trouxo á música de Voces Ceibes. Bibiano soupo, no seu momento, ver que a música, incluso aquela de eido non comercial, senón político, podía crecer e chegar a máis xente se a música que se creaba non era tradicional ou, se ben o era e tiña unhas pautas marcadas, ditas pautas podían revolucionarse, e manterse acorde ao tempo no que se vivira.