Palm – Rock Island

09/02/18 • Carpark Records

Penso que podería dicir bastantes cousas boas de este Rock Island de Palm, mais se tivera que elixir unha soa creo que sería que se trata de un disco que non soa como ningún outro disco que escoitara no que vai de ano. A proposta de Palm é atrevida, trátase de un traballo no que todos os sons tanto instrumentais como as voces resultan amenos de escoitar, evitando en todo momento o abrasivo e o escuro, sen embargo é a maneira na que se atopan dispostos estes sons o que fai que a súa escoita poida resultar desconcertante por momentos.

É unha sensación de desorientación a que transminte este traballo, unha desorientación moi interesante. Palm son capaces de crear ambientes surrealistas e coloristas con moi pouco. Este disco podería describilo como un álbum de indie-pop que foi desmontado en todas as pezas que o compoñen, as cales foron posteriormente desperdigadas polo chan, sen unha orde aparente, dando como resultado algo totalmente distinto. A proposta que nos atopamos en Rock Island é unha aproximación ao glitch pop tan presente na música electrónica dos últimos 20 anos, mais realizado de maneira orgánica, sen recurrir á edición do son e transmitindo esa sensación de música fragmentada coa maneira en que son tocados os instrumentos.

Non tería sentido criticar este disco como se se tratase de un traballo de pop ou rock, xa que a pesares de que os elementos que conforman este disco son recoñecibles e amenos, a maneira en que éstes son empregados é completamente experimental. Se en un álbum de pop prestariamos especial atención as melodías da voz, aos estribillos etc. En este Rock Island debemos pousar a nosa ollada nos constantes xogos rítmicos e a forma en que se entrelazan as capas do resto da instrumentación.

A accesibilidade non é o fin que busca este disco, senón explorar un enfoque diferente de cómo construír cancións e arranxos instrumentais, e en este sentido resulta un traballo que logra o que se propón. O novo de Palm non é un álbum para poñer de fondo para pasar o rato, é un disco que require de bastante atención á hora de escoitalo para que non resulte excesivamente caótico. Sen embargo o interese da súa proposta é innegable. Rock Castle é unha escoita absolutamente recomendada se queredes darlle unha proba a unha proposta nova e diferente.

Palm