O segundo Conecta Fiction incluirá un festival de series aberto ao público

A segunda edición do Conecta Fiction, que terá lugar en Compostela entre o 18 e o 21 de xuño, celebrará un festival de series aberto ao público xeral, co que se completará a dimensión profesional dun evento que abrangue xa todos os xéneros e etapas da ficción televisiva: xestación, programación, emisión, financiación e contacto entre socios coproductores.

Promovido pola Xunta xunto con ICEX España Exportación e Inversiones y Fundación SGAE, Conecta Fiction é o único encontro internacional dedicado exclusivamente á coproducción de ficción para televisión entre América Latina, Estados Unidos de fala hispana e Europa.

Segundo informa a Axencia Galega das Industrias Culturais, a Cidade da Cultura centrará de novo o foro, coa creación de catro áreas de actividade diferenciadas. Caixa de Ficción, acollerá reunións acordadas previamente pola plataforma online, Zona Conferencias amosará paneis e casos de estudo, en Zona Pitchings presentarase unha selección de 10 proxectos de América e Europa e outra específica sobre o talento español con proxeccións procedentes do laboratorio da Fundación SGAE. Finalmente a Zona Screenings achegará proxeccións de series e miniseries con acceso exclusivo para acreditados.

En paralelo, a Agadic presentou a edición 2018 do catálogo Films from Galicia. O documento recolle unha selección de 43 producións de cinema e televisión que veñen de finalizar a súa produción recentemente ou ainda en fase de proxecto e que se promoverán en diferentes festivais e eventos internacionais. Destes, dezaseis longametraxes de ficción, seis longas documentais xa rematadas e cinco en proxecto, catro creacións de animación, oito obras de ficción televisiva e catro formatos de programas de entretemento. O European Film Market de Berlín será a primeira cita na que se darán a coñecer estes proxectos.