La Otra – Creciendo

09/02/18 • Autoeditado

Normalmente, á hora de entrar a escoitar un álbum como o que ofrece La Otra tería as miñas dúbidas. Musicalmente, se escoitas sen atención, poderías pensar que estamos ante, unha vez máis, un simple disco dunha cantautora máis, quizás menos coñecida, tentando saír a un mercado feroz e no que hai que facerse sitio a empuxóns. Porque temos esa idea preestablecida. Pero nada máis lonxe da verdade. De feito, La Otra propón tanto a nivel musical como lírico romper con moitas das ideas preestablecidas que temos. Ao noso ritmo, nun proxecto no que a formación debe ser continua e sen cesar para que o día de mañá sexamos mellores con nós mesmos e con aquelas que nos rodean. Creciendo, en resumo. E o resultado é auténtico.

Falaba antes das cuestións musicais. Ben, en xeral, a liña é bastante clara, xogando coa música cantautor, a trova e, sobre todo, o reggae, creando un resultado soberbio, onde as guitarras impactan, gritan enerxicamente. As baterías acompañan marcando o ritmo, sempre tentando que sexa o máis bailable posible, aínda sen chegar a asoballar. Chamando a un baile lento, sentido, no que cavilar polo camiño.

Non é un disco, tampouco, sen obxectivos. Creciendo fala da necesidade da colaboración entre individuos, da colectividade, do empoderamento feminino, da sororidade, do feminismo en xeral e da necesidade de avanzar ideoloxicamente. Tampouco resulta sisudo, senón que transmítese todo nunha viaxe polos sentimentos de La Otra. Son moitos, senón en todos os temas, nos que La Otra acerca os pensamentos ideolóxicos necesarios a tratar de forma persoal, acercándonos a ela e permitíndonos empatizar. En Perdóname, a artista canta “Perdóname por no llegar a cada tiempo cada vez que tropezaste”, e tras novas reflexións volve a cantar “Perdóname porque este mundo ya funciona demasiadas veces reproduciendo lo que nos chupa la sangre”,  entre cantos nos que fala de que o seu ritmo de cambio “No para ya”. A través de experiencias persoais, La Otra tenta falarnos de como se da conta de que a realidade e a sociedade reproducen roles nela mesma, e como tenta deixar de lado estas cuestións. Faino, ademais, dende unha postura persoal, tentando que a canción explique os seus sentimentos e as súas experiencias persoais, que a levaron a cometer erros no pasado por como esta sociedade funciona, e como quere saír dese buraco negro.

La Otra ofrécenos un disco emotivo, sentimental e co cal empatizar, pero á vez marcado por un destacado mensaxe político moi necesario, culminando nunha obra completa e a destacar, creando aquí un dos, posiblemente, máis destacados albumes estatais deste 2018, e co cal, sen dúbida algunha, todas podemos crecer.

La Otra