por | Feb 16, 2018 | Cinema & TV | 0 Comentarios

Altered Carbon, irregular á par que interesante

Que pasaría se nun sistema capitalista se descubrise unha tecnoloxía que permitise aillar o alma das persoas independentemente do seu corpo? Isto é o que plantexa Altered Carbon, a nova produción de Netflix baseada nas novelas de Richard K. Morgan. Sitúase nun futuro distópico ciberpunk onde as diferencias sociais acrecentáronse co paso do tempo ata un punto extenuante. Os corpos -chamadas fundas na serie- son un ben de consumo máis. Así ás persoas máis ricas -os chamados mats- son seres basicamente inmortais mentres que as persoas máis pobres teñen unhas condicións de vida moi complicadas.

O punto de partida da serie é o momento no que Takeshi Kovacs esperta tras douscentos cincuenta anos conxelado nunha funda que non é a súa. O motivo deste estadío é que estaba cumprindo cadea por pertencer a un grupo terrorista. Un mat chamado Laurens Bancroft (James Purefoy) convócao para investigar o seu intento de asasinato. A obra ten dúas liñas temporais e Kovacs é interpretado por dous actores diferentes dos que destaca Joel Kinnaman. Axuda tamén que abunden as escenas unicamente destinadas ao seu lucimento persoal.

Actualmente, estamos nun momento de efervescencia audiovisual da ciencia ficción. Series como Dark, The OA ou Westworld están a facer xustiza a un xénero que parecía fai uns anos relegado a ser marxinal. Altered Carbon bebe de grandes obras. Matrix, Ghost in the Shell e sobre todo Blade Runner. Bebe tanto que ás veces se emborracha. En ocasións máis que unha homenaxe ou unha inspiración parece un fusilamento de ideas -sobre todo no estético- simplemente copiadas e pegadas da mítica película de Ridley Scott. A diferencia entre unha bonita referencia e a constante sensación de que moitas cousas xa aconteceron no pasado.

Un dos temas principais é o da explotación sexual da muller. É un dos puntos por onde xira a trama e se entende que busca denunciar a trata de brancas e a prostitución. É unha mensaxe necesaria pero non creo que a serie sexa consecuente ao respecto. A sexualización da muller é constante. En numerosos capítulos hay desnudos femininos. A maioría deles sen base argumental detrás -ou collido coas pinzas- cuxo único fin é facer rechamante o produto. Practicamente todas as actrices principais femininas saen núas nalgún momento da serie.

Na mesma liña temos as pelexas. Se ben é certo que están moi ben rodadas ,-a nivel audiovisual e de localizacións é unha ledicia- realmente hai veces que non teñen razón de ser. O problema non é que haxa violencia, nin que haxa un alto contido de acción, senón que esta sexa porque si. Un encontro casual entre personaxes que acaba en cinco minutos de hostias non aporta nada. Lamentablemente, este recurso utilízase máis veces do desexado. É vistoso pero queda como unha mancha dentro da narrativa.

En canto ao desenvolvemento, é irregular. Ten momentos realmente memorables -sobretodo cara aos seus capítulos finais- que conviven cunha trama amorosa que carece de sentido e cun final bastante mellorable. É unha verdadeira pena que non desenvolva o universo que presenta máis aló das simples posibilidades tecnolóxicas que ofrece, que non afonde nesa idea de fondo da deshumanización a través do poder. Os pectorais de Joel Kinnaman locen moi ben pero o mundo que se plantexa pode dar moitísimo máis xugo do que se saca.

Altered Carbon non é unha mala serie nin moito menos pero peca de intentar contentar a todo o mundo. Amantes da ciencia ficción e dos mundos complexos quizá o vexan demasiado comercial -aínda que non me guste utilizar esta palabra-, o público que soamente en busca de entretemento quizá buscará algo máis sinxelo. Queda entre as dúas augas. Non vou mentir, fíxome pasar un bo rato e verei a segunda temporada. O problema seguramente sexa que as miñas espectativas eran demasiado altas. Coma sempre, quen moito tenta abarcar, pouco apreta.

Altered Carbon


Director
: Laeta Kalogridis, Uta Briesewitz, Alex Graves, Miguel Sapochnik, Nick Hurran, Peter Hoar, Andy Goddard
Música: Jeff Russo
Guión: Laeta Kalogridis, Nevin Densham, Steve Blackman, Russel Friend, Garrett Lerner, Brian Nelson, David H. Goodman
Fotografía: Martin Ahlgren, Neville Kidd
Ano: 2018
País: Estados Unidos

Skydance Television | Mythology Entertainment