Rels B: Sentimento millenial

Chegamos ao concerto de Rels B e sentimos que, ao mellor, non estamos no sitio que deberiamos. Iso, ou que imos demasiado vellos. Creo que facía anos que non me pedían o carné para coller unha cervexa. Creo, tamén, que facía moito, moito tempo que non lle levaba unha cabeza á maioría do público, que a miña cara de bebé incluso se ve vella entre todas as caras que estaban alí. Benvidos a un show millenial. Hai unha cuestión que se debe ter en conta á hora de falar disto: Rels B é unha proxección dunha nova xeración, e as necesidades desta xeración son diferentes ás típicas. Unha xuventude que, a diferencia de moitos outros, creceu con YouTube.

Rels B presentábase no escenario ante as ovacións do público, na súa maioría moi novo, e non viña só. Acompañábano no escenario Bucko e Miss D, cos que compartirá temas, momentos de complicidade e aos cales deixará lucirse como mellor poidan sobre o escenario. O apoio de Miss D é claro, que elevaba a súa voz sobre a de Rels B a cada coro. Bucko, pola súa parte, colaboraba con Rels B aos aparatos, sendo o encargado de por as bases sobre as que cantaban ambos, e colaborando tamén nos coros cunha voz moito máis grave e sonora.

Como dicíamos antes, o público de Rels B creceu con YouTube. Mostra disto é a participación do público durante os temas, nos que moitas veces estaban tímidos e apáticos, debido a que os temas que Rels B ou eran de parte do interior dos traballos de Skinny Flakk. Así, os coros máis sonoros e os bailes máis celebrados eran en temas como Es Mejor, Loca ou Tienes El Don, sendo un dos momentos máis intensos a chegada de Made In Taiwan.

Miss D, se ben aportaba moito nos coros, tamén tivo momentos nos que a súa presencia sobre o escenario foron demasiado aburridos. A súa cover de Redbone, de Childish Gambino, non entusiasmou a ninguén, sendo un dos instantes máis aburridos de todo o concerto, insalvable ata polo propio David Vidal, que tentou axudar á súa compañeira de escenario coreando a canción. Aínda así, non conseguiu que o público se interesase polo que estaba a suceder na Capitol naqueles instantes. Outra desconexión foi creada polo propio Rels B en varias ocasións, cando este tentaba conseguir conectar co público a través da pausa dos temas e o comezo da canción de novo. Se isto pode crear nunha ocasión un efecto positivo, a repetición deste sistema en varias cancións pareceunos forzada, e moitas veces provocounos máis unha desconexión que un aumento das nosas ganas de colaborar con el.

Rels B, Skinny Flakk, ten algo moi interesante. A súa obra, dentro do trap, mantén un nivel moitas veces no que vai lonxe da tipicalidade sonora do estilo, acercándose ao alternative r&b. Os sons nos que tenta acercarse a artistas estadounidenses como Frank Ocean, sobre todo no seu Channel Orange, ou a Miguel, ofrecendo algo que non moitos outros fan. Sen embargo, o mercado é duro, e manterse nun nivel así é difícil. Así, pola escravitude e a dificultade de manterse no negocio do espectáculo, fan caer a Rels B no estilo máis trap e no que menos cómodo se lle ve.

Rels B parou nun instante para comentar que, dous anos antes, Bucko e el presentáranse en Xinzo de Limia para dar un concerto, o cal, a pesar do intento, levoulles a perder cartos pola súa falta de público. Agora, dous anos despois, conseguiron que bastante xente estivese presente na Sala Capitol de Santiago de Compostela, reafirmando que o seu éxito creceu dende entón. Se os pasos que da dende agora son positivos e cara ocupar o espazo que lle correspondería, este éxito debería chegar a ser maior no futuro.