Karl Marx de Mozo: A búsqueda dunha orientación política para o movemento obreiro

Na Prusia con vocación de nación e na Inglaterra vencedora das Guerras Napoleónicas arrinca a historia de dous mozos intelectuais chamados a transformar a realidade para sempre. O xove Karl Marx, comezando a súa crítica contra os discípulos de Hegel. Friederich Engels, recompilando nunha crónica minuciosa a situación da nacente clase obreira de Manchester e Leeds. Velaí temos o arranque de Karl Marx de Mozo, a película dirixida por Raoul Peck.

No filme, sen demasiado dramatismo de por medio, somos testemuña dos esforzos realizados por estes dous mozos na busca dunha orientación política dun case inexistente movemento obreiro. Pese a que por momentos os seus adversarios aparécensenos dun xeito un tanto caricaturesco, a través das diferentes escenas podemos achegarnos aos principais debates desta particular parella contra os Novos Hegelianos ou os seguidores de Proudhon. En xeral, asistimos á representación da ruptura coa liturxia que leva caracterizando á liña política inaugurada por Marx e Engels durante os últimos 170 anos.

Estamos ante unha obra que, se ben dista doutras como La Chinoise ou Antonio Gramsci: i giorni del carcere en densidade, é quen de nos situar no pensamento e dilemas da parella protagonista antes da publicación do Manifesto Comunista. Recomendable tanto para aquela xente con escasas nocións políticas como para a que le un capítulo do Capital todos os días antes de ir para a cama.

Karl Marx de mozo (Le jeune Karl Marx)


Director
: Raoul Peck
Música: Aleksey Aygi
Guión: Pascal Bonitzer, Pierre Hodgson, Raoul Peck
Fotografía: Kolja Brandt
Ano: 2017
País: Francia

 

Agat Films / Velvet Films / Rohfilm