Brian Fallon – Sleepwalkers

09/02/18 • Island Records

por | Feb 14, 2018 | Discos, Música | 0 Comentarios

Mentres The Gaslight Anthem se atopan nun longo hiato dende 2014, o seu frontman e fundador Brian Fallon iniciou a súa carreira en solitario. Sleepwalkers (2018, Island Records) é xa o seu segundo esforzo como cantautor, seguindo a publicación de Painkillers en 2015.

A primeira impresión que este álbum deixa é que resulta moi ameno de escoitar. As guitarras, moi limpas, e o teclado, sutilmente integrado na mestura, contrastan bastante coa rasgada voz de Brian e o resultado final é algo que realmente chega a enganchar.

Son evidentes as comparacións co son de The Gaslight Anthem, pois mantén, sobre todo a nivel sónico, moitas das características que un pode apreciar nas súas cancións. Sen embargo, hai un grande elemento diferenciador que o separa das súas composicións na banda: un ton moi optimista, totalmente alonxado da rabia e melancolía que se pode apreciar en álbumes como Get Hurt (2014). Brian Fallon aparca a rabia punk a un lado para deixar paso a un positivismo máis soul, incluso funk nalgún tema como If Your Prayers Don’t Go To Heaven; aínda que o blues é o xénero que máis predomina ao longo dos 51 minutos de LP que para nada se fan tediosos.

Unha constante que atopamos neste Sleepwalkers é que Fallon apenas arrisca á hora de compoñer, poucas veces sae da súa zona de confort. E é precisamente cando vai máis alá dos límites do seu xa característico son cando nos atopamos os cortes máis interesantes do álbum: o nome de Stacey a grito pelado no hímnico single Forget Me Not, o tema que dá nome ao álbum cunha predominante trompeta acompañando ou as guitarras funkys de Little Nightmares son os mellores exemplos. Por outra parte, os medios tempos, que por fortuna escasean, non aportan nada interesante e séntense como recheo dentro do que podía ser un álbum máis sólido porque, unha vez máis, Fallon négase a saír da súa zona de confort; coa diferenza de que nesta ocasión non funciona.

En definitiva, Sleepwalkers é un bo álbum que se ve lastrado por certa falta de orixinalidade do autor pero que, sen dúbida algunha, merece unha escoita. Sobre todo por parte de todo aquel que disfrute dun bo álbum de rock.

Brian Fallon