Select Page

Black Panther: The Album

09/02/18 • Top Dawg/Aftermath/Interscope

por | Feb 13, 2018 | Discos, Música |

Para quen non teña os datos históricos, Black Panther é unha personaxe histórica no mundo da banda deseñada estadounidense, converténdose no primeiro súper heroe de raza negra no mundo de Marvel, e da banda deseñada de súper heroes estadounidense. Tras anos con certa importancia, sendo figurante e protagonista de moitos cómics nos que a responsabilidade deste protagonismo era compartida, Marvel deulle unha nova oportunidade a unha serie propia e deulle os guións das obras a Ta-Nehisi Coates, coñecido activista polos dereitos dos afroamericanos e autor de obras onde o estudo material sobre a raza eran o principal tema, destacando da súa obra o famoso libro Between The World and Me, dándolle á personaxe unha profundidade necesaria e moi botada en falta ata agora.

Chegados a outubro de 2014, como nova estrela do seu Universo Cinematográfico, anunciouse que a personaxe de Black Panther sería levada á gran pantalla. O director elixido para levar a cabo dita tarefa sería Ryan Coogler, que saltaría á fama internacional tras levar ao éxito a continuación da saga de Rocky Balboa con Creed (2015). A medida que se coñecían máis datos da filme, veríamos como a inmensa maioría do reparto sería, tamén, de raza negra, supoñendo un feito histórico tamén nas filmes de súper heroes, onde a representatividade era moi residual. E, por se todo fose pouco, Kendrick Lamar foi elixido para realizar a banda sonora. Así chegou ás nosas mans Black Panther: The Album. Nel, a representación racial tamén é incrible, contando con moitos dos rapeiros máis famosos da actualidade e, así, vemos aquí a Kendrick Lamar acompañado de SZA, Schoolboy Q, 2 Chainz, Saudi, Khalid, Swae Lee, Jay Rock, Vince Staples, Yugen Blakrok, Jorja Smith, SOB X RBE, Ab-Soul, Anderson Paak, Future, Zacari, Babes Wodumo, Mozzy, Sjava, Reason, Travis Scott e The Weekend.  O resultado é impecable: un álbum orixinal, cheo de mensaxes cheos de carga política e cunha produción envexable.

Aínda sen figurar como autor en todas as cancións, Kendrick Lamar aparece en practicamente todas, aportando o seu persoal e brillante toque a todo o álbum que, sen dúbida, conforma un álbum de rap sólido e no que a situación de banda sonora dunha película de súper heroes non afecta negativamente ao resultado final, senón que, dada a situación que presenta a filme, axuda a que todos aqueles que participan no álbum dean o mellor de si mesmos.

As conexións directas con África son tamén un dos puntos fortes do álbum. Se ben a presencia de artistas recoñecidos internacionalmente é intensa, tamén presenta un salto a outros mercados aos menos recoñecibles artistas deste outro continente, concretamente dando un salto cuantitativo en canto a mercados aos artistas sudafricanos como Babes Wodumo, Sjava, Yugen Blakrok e Saudi. De feito, o dúo que Saudi e Kendrick Lamar crean en X convirte a esta no tema máis sólido do álbum.

Se ben as cancións non teñen tanta conexión directa entre elas como outras obras de Kendrick Lamar, aquí o noso K Dot deixa de novo detalles de calidade á altura de moi poucos artistas na actualidade, sendo unha vez máis unha mostra de vangarda na música popular. Black Panther: The Album concreta un marabilloso tributo a unha personaxe, un sentimento e unha necesidade política.