A forma da auga: Clichés e falta de orixinalidade

Con trece nominacións aos premios Oscar, A forma da auga promete ser unha das películas do ano. Sen embargo, Guillermo del Toro non arrisca ao traballar nunha historia na que os clichés se repiten a medida que avanza a cinta e a orixinalidade queda relegada a un terreo puramente técnico.

O filme comeza cunha voz en off que deixa caer o que imos ver a continuación, a forte relación que se crea entre Eliza, unha muller muda que traballa nun labortario como limpadora, e un misterioso anfibio (interpretado por Doug Jones, que xa traballara con Guillermo del Toro na saga de Hellboy e O labirinto do fauno) traído dende Sudamérica ata os Estados Unidos para ser estudado no que parece ser unha carreira dos ianquis contra as forzas de intelixencia soviética polo descubrimento deste animal.

Coma se dun conto de fadas se tratara, A forma da auga transpórtanos aos anos 60 cun toque de ambientación retro na que a protagonista Eliza leva unha vida de rutina bastante sencilla: erguerse, almorzar, visitar ao seu veciño Giles (Richard Jenkins), ir ao traballo e de vez en cando acudir a ver os filmes que pasan nos cinemas debaixo do seu piso. A chegada do home anfibio ao laboratorio fará que Eliza estableza unha conexión inmediata con esta criatura que a levará a namorarse dela e a querer protexela do plan que o coronel Strickland (Michael Shannon) argalla para el.

A forma da auga non conta nada novidoso mais que a historia dunha moza “diferente” que comeza a sentirse atraída por unha criatura incomprendida. Aínda que Guillermo del Toro queira impregnar á trama de valores positivos tales como a liberdade sexual ou a aceptación de todo aquelo que resulta distinto á norma, o filme coxea en varios aspectos. Estamos diante dun guión construido en base a personaxes maníqueos e cuxa trama floxea de maneira continua, deixando desaproveitadas outras vías que recorrer aparte da máis simple e previsible. Por outro lado, o amor que Eliza comeza a sentir polo anfibio, inspirado no famoso monstro d’A criatura do lago negro (Jack Arnold, 1954), non termina por resultar sólido; mais ben semella que o desmedido afecto que Eliza deriva no animal se trata dunha estraña zoofilia case que perturbadora.

Non hai espazo para a sorpresa nesta película, e o final, se ben pecha o filme como empeza, con ese toque de conto infantil marabilloso, remata sen ofrecer algo novo no xénero fantástico cun aire de serie B. O que si se lle debe conceder ao director e a todo o equipo de producción é todo o traballo de efectos especiais, escenografía e maquillaxe que permiten crear esta fantasía de rico imaxinario punk. Un filme que, se ben pode deixar indiferentes aos espectadores, sen dúbida recolle aspectos polos que a Academia ten debilidade á hora de repartir os galardóns.

A forma da auga
(The Shape of Water)


Director
: Guillermo del Toro
Música: Alexandre Desplat
Guión: Guillermo del Toro, Vanessa Taylor
Fotografía: Dan Laustsen
Ano: 2017
País: Estados Unidos

Bull Productions / Fox Searchlight