Payasö – Virtudes Cardinales

02/02/18 • FROST Producciones

por | Feb 12, 2018 | Discos, Música | 0 Comentarios

Xa van anos dende que escoitamos o último de Blue Meany. E, despois diso, aínda tardamos oito anos en escoitar algo novo de Quico Ros, agora baixo o nome de Payasö. Sen presa, outra vez, cinco anos despois chega a nós Virtudes Cardinales. Que imos atopar aquí? Pop. Moito pop. Moitas veces clásico, outras veces simplón, pero que en certos momentos consegue adaptarse aos tempos que corren e sinalar acertos entre a normalidade.

Batería reconvertido a guitarrista, parece ata mentira que a percusión non teña un destaque máis grande no álbum, chegando en moitos momentos a non soar ou, cando soa, ser de composición simple na súa maioría de veces. Isto, de feito, convértese nun arma de dobre fío: a simplicidade xoga unha mala pasada ao álbum, mais que sen destacar esta o son sexa completo e bonito é algo que xoga moito ao favor de Payasö.

En xeral, Virtudes Cardinales móvese nunha delgada liña entre o pop indie e o pop comercial. Esta finura vese en que, se ben Payasö nalgúns momentos, como en Adonde Voy, onde as guitarras tentan crear un ambiente de veraneo e vacacións, e as melodías creadas no retrouso funcionan e invitan a cantar libremente, bailando cun marabilloso baixo moi presente durante toda a canción, noutras como Dile a investigación musical é substituída por simpleza e falta de investigación, aínda cos sons de instrumentos de vento polo medio, sendo partícipes na canción guitarras que só destacan para crear rifts simples e baterías que marcan o ritmo.

As letras, se ben atraen pola intimidade que Quico Ros decide entregarlles, non son verdadeiramente destacables, sendo demasiado sinxelo a empatización. Por que isto é malo? Porque na miña mente existe certo límite entre a empatización privada e persoal co feito de que esa empatía apareza porque as cancións presentan unha transversalidade demasiado ampla, tentando que calquera poida introducirse nelas. Neste caso, dita personalidade falla.

En xeral, Virtudes Cardinales é un produto no que o pop estatal máis clásico ten un pequeno tributo, na que moita música cantautor recibe nela a fusión co son que moitas bandas de gran altura no pop actual do Estado están a traballar, resultando un traballo moi interesante e entretido no que merece a pena deixar máis de un par de escoitas.

Payasö