Select Page

Franz Ferdinand – Always Ascending

09/02/18 • Domino Recording

por | Feb 12, 2018 | Discos, Música | 0 Comentarios

A ver, empecemos por algo simple: polo menos, Always Ascending non é Right Thoughts, Right Action. Seguindo a mesma liña que neste, esta vez os Franz Ferdinand conseguen manter un estilo máis definido, no que as ideas musicais anteriormente investigadas están máis claras. Sen embargo, o novo son segue a ter o mesmo problema que levan os de Alex Kapranos tendo dende fai tempo: ante unha falta de ideas clara, os albumes comezan a solaparse un tralo outro, sen chegar a crear algo a ter en conta de verdade. Lonxe dos éxitos que os levaron á cima, a día de hoxe os de Glasgow só teñen unha cousa que os mantén enriba: o fanatismo acrítico da súa lexión de fans.

Se pensamos nos novos sons, vemos unha ida de Franz Ferdinand dos son máis motivadores que tiñan: lonxe quedan xa o garage, o rock ou o punk ao que acudían como costume e que funcionaba, introducindo na súa música máis elementos electrónicos nestes últimos tempos. Eu, fan da innovación musical a máis no poder, lamento nesta ocasión ter que negar que isto sexa positivo. Aínda que valoro o esforzo, ditos cambios non producen unha evolución real no son, sendo introducidos de forma incorrecta e non creando algo novo verdadeiramente, ou, se ben decidísemos tildalo de novo, o resultado final non é o suficientemente intrigante, correcto, ou simplemente o suficientemente entretido.

De feito, os mellores momentos do álbum son aqueles nos que podemos ver algo dos antigos Franz Ferdinand. Temas como Glimpse of Love, que se eleva a un ritmo frenético e bailable tras unha pequena introdución case amusical de Kapranos, rozando unha vea post-punk revival que parecía desaparecida na actualidade, ou Lois Lane, onde á metade de canción a instrumentalización do tema cobra unha importancia enorme e consegue crear un aura que invita ao baile sen chegar a el, son do máis destacable deste álbum. Sen embargo, ambas cancións poderían pecar para algúns dunha lírica excesivamente simplona.

Dos singles, o único que resulta verdadeiramente destacable é Always Ascending. Se non chega a ser un temón como os que Franz Ferdinand acostumaban a regalar (incluso o tema homónimo ao álbum anterior era moi salvable, aínda cos desvíos musicais), sálvase e agradécese un inicio de álbum así. O disco está moi presente en toda a canción, dándolle un toque moi interesante.

As cousas que fixeron grandes a Franz Ferdinand cada vez están máis ausentes. As guitarras de Franz Ferdinand (2004) ou You Could Have It So Much Better (2005) xa non existen. O grupo parece unha reforma do que anteriormente foi. E, se ben as letras nunca foron o forte do grupo, eran capaces de realizar singles moi atraíntes con moi pouco. A día de hoxe, a simpleza nas líricas é moito máis obvia debido á falta de algo interesante detrás delas. A miña pregunta é: canto falta para que ata os propios fans de Franz Ferdinand deixen de adoralos?

Franz Ferdinand