por | Feb 12, 2018 | Literatura, Novidades | 0 Comentarios

Anémona de Río: “Tam xorde como segunda idea dun proxecto de fin de curso”

Aldara, máis coñecida como Anémona de Río, presenta o seu primeiro traballo de banda deseñada.

Esta ex-alumna de O Garaxe Hermético chega pisando forte. Despois de gañar o Premio de Fin de Curso da escola en 2017, acaba de publicar con Retranca Editora o primeiro manga galego. Tam é o título deste traballo, o cal presentará este martes 13 na Libraría Paz.

Tam ante a libraría Paz

Cartel realizado por Anémona de Río para agasallar na presentación

Malia a súa curta idade, Anémona de Río ten xa un marcado estilo propio, como demostra na súa creación de historias e personaxes. Falamos con ela:

Anémona de Río

Anémona de Río

A primeira pregunta se cadra é anecdótica, pero se non a fago, revento: De onde vén o teu pseudónimo?

Anémona de RíoTodo comezou hai uns cantos anos, cando vendo as noticias en Internet soía ler os comentarios. Fascinábanme moitos dos nomes de usuario porque eran súper poéticos e imaxinativos. Quería ter algo así, pero que á vez fose un pouco de coña, e naceu “Anémona de río”. Vese que me gustou máis do que esperaba, e adopteino logo para todo!

Cando decidiches profesionalizarte como autora?

AdRA verdade é que non sei se agora mesmo estou decidida. Seguramente dependa de cómo funcione este proxecto, ser autor é moi complicado e eu aínda estou moi verde. Quizais poida falar máis a fondo da ilustración, xa que é o que máis me chama dende sempre, mentres que como autora acabo de estrearme agora con Tam. Levo debuxando dende sempre, pero empecei a aceptar encargos hai un par de anos, así que supoño que foi nese momento cando me profesionalicei.

Que tal a experiencia como alumna de O Garaxe Hermético? Como é un día nesa escola?

AdRA experiencia é bastante máis agradable que a de calquera outra escola/instituto/universidade onde estivera antes. A pesares de que ao principio sentíame un pouco fóra de lugar, porque vía aos outros alumnos facer cousas moi chulas, o último ano púxenme as pilas e esforceime moito no meu proxecto. Estou moi contenta de que aos mestres lles gustase tanto como para darme un dos premios!

O teu estilo lembra ao do manga, pero, como o definirías ti?

AdRÉ verdade que bebe moito do manga pero sempre intentei non imitar a ningún autor en concreto. Quizais o estilo tamén se achega un pouco ao cartoon, sobre todo no coloreado e o sombreado “duro”.

Tam no restaurante pontevedrés Il Piccolo

Segundo cartel deseñado para a promoción de Tam

Cales son as túas influencias? Algún autor de BD que admires en especial?

AdREn canto ao manga, a miña autora favorita é Rumiko Takahashi, lin case todas as súas series e encántame o humor que usa (case sempre branco), pero que combina con algunhas partes máis serias ou tristes, o que lle da moita vida ás súas historias. Pola parte que non é manga gústame moito ler tiras por internet, como por exemplo a Sarah Andersen, Shen Comix, The Kao, Cassandra Calin, La Cope… En xeral o meu xénero de cómic favorito á hora de ler é o de humor, por iso intentei facer algo así para Tam.

De onde xorde a idea de Tam? Hai algo de auto-biográfico nela?

AdR: Tam xorde como segunda idea dun proxecto de fin de curso. Ao principio plantexara outra historia que fixera no instituto, pero aos profesores non lles convencía demasiado así que me puxen a pensar noutra cousa. Gústame facer tiras cómicas (publiquei 3 no Diario de Pontevedra) así que decidín tirar por aí, pero en vez de simplemente facer un recopilatorio delas, os profes me aconsellaron darlle algunha vota e relacionalas entre elas, crear unha historia con principio, nó e desenlace.

Así foi como se empezou a xestar este cómic, que amosa pequenas escenas cotiás. Ten bastante de autobiográfico, tanto no físico como nas inquietudes, aínda que Tam é moito máis valente ca min e ten moita forza de vontade porque nunca deixa de intentalo!

Imaxe da cuberta de Tam

Imaxe da cuberta de Tam

Como foi o proceso de creación do libro? Algunha anécdota ou detalle simpático?

AdRComo non se me dá demasiado ben escribir, no canto de facer un guión normal ensináronme a facer outro tipo de planning: escribir cada idea de escena nun post-it, pegalos todos nunha gran cartulina e cambialos de orde ou desfeitalos ao final segundo como quedase mellor. Foi, literalmente, construir o cómic.

Como detalle simpático podo falar de que tiven que saír de casa un montón de veces para sacar fotos de fondos para as viñetas, porque os que se me ocorren a min son demasiado simples ou típicos. Seguro que os que lean o cómic recoñecerán algún dos lugares onde se desenvolve a historia.

Como ves a BD en Galicia na actualidade? Tanto a nivel de creadores, como de lectores.

AdRCreo que estamos bastante por debaixo en canto a lectura que outros sitios, pero me da a impresión de que a cousa está mellorando. Recordo cando era pequena, que moitas librarías especializadas en cómic pechaban. Hoxe en día as que hai parece que aguantan con bo tipo.

En canto a autores, tamén parece que se está animando o tema. Hai moitos concursos importantes de banda deseñada, e isto axuda un montón a dar visibilidade.

Cal é a túa visión da muller no mundo da BD, que tradicionalmente foi “feudo masculino”?

AdRQuero pensar que hoxe en día se lle está empezando a dar máis valor ao traballo, sen importar o xénero. O que importa é a historia, e agochar unha só polo feito de que a autora sexa muller é simplemente ridículo. Como en todos os ámbitos nestes últimos anos, no cómic tamén debe haber igualdade, e creo que pouco a pouco o estamos conseguindo.

Pódese falar de próximos proxectos?

AdRAgora mesmo non teño nada concreto en mente. Encántame debuxar, e máis que crear historias gustaríame ilustralas, aínda que sei que co meu estilo de debuxo o teño complicado, porque non é do agrado das editoriais tradicionais.