Tripulante y Crucero – Meseta Selva

02/02/18 • Mont Ventoux/Gran Sol

por | Feb 8, 2018 | Discos, Música | 0 Comentarios

Os sons caribeños están de moda. Non sei que terán, que tanto pegaron dende o inicio co verán. Co calor. Cunha cervexa, unha praia. Unhas gafas de sol, unhas bermudas, unha camisa de manga curta e unhas chancletas. Meseta Selva é o terceiro traballo de Tripulante y Crucero, e en pleno febreiro tentan sacarnos o frío a base de cancións así. E, con todo, tiven que poñer un abrigo para facer esta crítica.

Algo Nuevo lánzanos nun baile caótico, comezando con bo pé o álbum. O son afrobeat que inspira a canción funciona, e o ritmo consegue ser pegadizo. Sorprende, de todos modos, que un tema tan arriscado non se repita formalmente no resto do álbum tras Mediterráneo. O que nos podía empezar a convencer como interesante, remata desaparecendo no resto do disco en prol a un son máis pop, en moitas ocasións, e con menos saña no resto de cancións restantes.

Os ritmos tropicalia chegan con Amanecer, onde unha vez máis, e por terceira vez consecutiva, Tripulante y Crucero marcaban un ritmo que invitaba a non deixar de bailar ritmos típicos do verán en pleno febreiro, cunha letra simple pero romántica, cuns coros femininos que conseguían marcar o que invitaría en directo a cantar ao público, tendo unha experiencia calorosamente bonita.

E, sen embargo, dende aquí o álbum comezará a perder certo ritmo. En Río de Enero, os ritmos máis lentos do tropicalia parecen marcar o final dos intentos de que Meseta Selva experimente seriamente cos ritmos brasileiros. Dende aquí, empezamos a coller frío. Un Mundial en la Arena tenta construír un ritmo igual de bailable, máis quédase no intento, e posteriormente, Meseta Selva trae unha proposta moito menos arriscada, deixando a tropicalia para os arranxos e sendo unha canción pop dos oitenta españoles.

No restante do álbum, as intencións dividiranse en continuar na tropicalia, pero fallando e transmitindo demasiado pop, ou en lanzarse ao pop, pero quedando fora do xogo nunha magnitude demasiado grande a tropicalia, deixando un resultado que non consegue materializarse como debería. Así, Meseta Selva remata sendo un disco que, sen chegar a ser malo, non consegue definirse de todo.

Tripulante y Cruzero