Rae Morris – Someone Out There

02/02/18 • Atlantic Records UK

por | Feb 8, 2018 | Discos, Música | 0 Comentarios

Rae Morris é unha artista relativamente nova. E sen o relativamente, vaia. Aos seus 25 anos, temos entre mans o seu segundo longo. O primeiro, Unguarded (2015), pasou un pouco desapercibido nun ano no que a calidade era alta e, na sección debuts, déronse tamén a coñecer xente como Vince Staples, Natalie Prass, Floating Points ou Courtney Barnett, polo que as súas oportunidades de saír nalgunha lista de “Mellores do ano” tamén se esquecían incluso nesa parte. Pasaron tres anos xa, e Rae Morris é un claro que dos erros non só se aprende, senón que se crece.

Os primeiros adiantos que tivemos deste disco foron Atletico (The Only One) e Push Me to My Limit, nos que, se ben Rachel consegue saír airosa, non pasan de ser temas estándar dun art pop ata ás veces un tanto frívolo, seguindo moitas das liñas marcadas por Björk en tantas e tantas ocasións, máis sen atreverse aos niveis de experimentación que a artista islandesa tantas veces superou álbum a álbum. Polo tanto, o resultado, se ben positivo, non chegaba a ser chamativo, quedando lonxe dunha experimentación real e tamén dun tema pop disfrutable. Dentro dos singles, sen embargo, o traballo do terceiro, Lower The Tone, é realmente notable. Nela, Rae Morris relata un encontro íntimo que empeza con suavidade e remata estalando. Para apoiarse nisto, a instrumentación do tema vai aumentando a medida que o momento avanza, aparecendo de aquí unha definición case perfecta dun encontro sexual romántico en menos de catro minutos.

Rae Morris sabe crear, dunha forma moi intimista, un álbum sexual, no que as letras e o son pop bailan á perfección. Do It é o tema máis bailable do álbum, e o desate emocional está moi ben representado. A repetición de “do it” ao longo do retrouso comeza, nun principio, como unha petición, que vai crecendo ata ser case presentar un imperativo ao amante de Morris.

En certas ocasións, á hora de traballarme a review para este álbum, teño visto como se tentaba definir este álbum como dance-pop. O resultado, e atendede ben: está moi lonxe da realidade. Non atoparemos momentos reais de pop bailable, sendo como moito clasificable como tal os últimos segundos de Rose Garden, que prometen un estalido nalgo máis dance, pero que rematan en nada, e ao chegar a Dancing With Character temos a sensación de que estamos nun peche de disco que perfectamente podería ter aparecido no resto de tracklist. Se nos pomos poéticos, podemos tentar pensar que eses últimos segundos de Rose Garden iniciaban a morriñenta lenta sobre bailes pasados que o peche de álbum relata, mais seguramente sería deixar demasiado á nosa lírica interna.

Os momentos máis tranquilos do álbum, moitas veces pecan de ser pouco interesantes, mais entre eles, Someone Out There destaca. A produción é a máis clásica do álbum, e a parte lírica é a menos persoal de todas, tentando lanzar unha mensaxe de optimismo a quen estea escoitando a canción. Esta produción clásica, lonxe de restar, entre tanta produción moderna serve coma un pequeno ataque ás nosas épocas pasadas, cando esta produción era máis actual, servindo para que nos sentamos máis preto da canción e que nos sinta coma un agarimo.

Durante moito tempo estivemos sometidos a unha publicidade case masiva deste álbum. Someone Out There tiña unhas expectativas moi altas postas en el. Case poderíamos dicir que, aquí, deberíamos ter un álbum excepcional, ao que lle estaríamos eternamente agradecidas da súa existencia. Sen embargo, se ben a cada escoita poden sacarse máis matices, non se deu o caso.

Rae Morris