por | Feb 8, 2018 | Cinema & TV | 0 Comentarios

Glacé, ao borde da conxelación

En pleno inverno cun sol que non quenta e un vento que queima a pel, chéganos Glacé, unha miniserie de seis episodios dispoñible en Netflix. En plenos Pireneos franceses cométese un crimen. O capitán Servaz (Charles Berling) -venido dende París- é o encargado de comandar a investigación. Xunto a el terá a Irene Ziegler (Julia Piaton), unha policía da zona. Xuntos intentarán resolver o misterio no que terá gran importancia Hirtmann (Pascal Greggory) e a súa psique, un asasino en serie atrapado interno no psiquiátrico da localidade onde se narran os feitos.

Se algo destaca  deste thriller de produción francesa, é a fotografía sobre todo o demais. A ambientación elixida axuda enormemente xa que é aproveitada dun xeito moi intelixente. Foxe do habitual, buscando un punto de vista distinto cunha intencionalidade moi clara: dificultar a vista ao espectador do mesmo xeito que os investigadores non atopan a solución cara o problema. O problema é que, as veces, excedese e entra nun esteticismo baleiro. Os planos non sempre teñen un valor expresivo senón que buscan un efectismo. Cando non hai fondo, non hai valor.

A historia que se mostra nun principio ten interese pero non deixa de ser un plantexamento xa visto demasiadas veces. Busca claramente referenciarse nos thrillers nórdicos mais o fai dun xeito inferior. Na parte final, o guión caese a pedazos e fai que o produto sexa pouco disfrutable e a acabes cunha sensación de certa frustración.

As personaxes son interesantes sobre o papel pero o seu desenvolvemento deixa bastante que desexar. Cabe destacar o desequilibrio entre Servaz e Ziegler, onde esta última aparte de ter unha interpretación mellorable, perde peso dramático ao longo da metraxe. O ritmo é rápido e busca tensión argumental que se perde debido aos xiros que tenden demasiado cara ao melodrama en certas ocasións.

No apartado musical non destaca máis aló da clásica do xénero que busca tensionar ao espectador. Iso si, e non creo que sexa nada bo para a serie dicir isto, os seus créditos teñen unha alta calidade. A sensación de frío e conxelación que dan, non se vai durante toda a duración da obra. Realmente, Netflix está vivindo moito ultimamente dos subscriptores que gañou con Mindhunter e non todo vale. Ten unha gran diversidade de públicos mais se non os coida, coma é neste caso, terá un problema de gran envergadura a longo prazo.

Non é a peor serie do mundo nin moito menos pero persoalmente non creo que lle dedique máis tempo no caso de que haxa unha segunda temporada. O catálogo dentro do xénero é grande e soamente recomendo a súa visualización a alguén que de verdade sexa un fanático. Glacé é un quero e non podo. Unha aposta estética sen nada detrás non se sustenta, o contido debe primar. Ir con altas expectativas antes de abordar Glacé deixarache frío como un animal ferido en metade de Siberia.

Glacé


Director
: Gérard Carré, Pascal Chaumeil, Laurent Herbiet, Caroline Van Ruymbeke
Música: Alexandre Lessertisseur
Guión: Gérard Carré, Pascal Chaumeil, Laurent Herbiet, Hamid Hlioua, Bernard Minier, Caroline Van Ruymbeke
Fotografía: Dominique Bouilleret
Ano: 2016
País: Francia

Gaumont Télévision