Select Page

por | Feb 7, 2018 | Concertos | 0 Comentarios

Lendakaris Muertos: Intensidade e compromiso.

Son as dez e pico xa. Sacha, acompañados de Ezetaerre, deron os primeiros pasos para animar a un público xa máis que animado. A espera faise eterna. Nas cancións previas danse os primeiros pasos para o que vai ser un pogo eterno durante o concerto completo, chocando de vez en cando algún grupo de amigos os seus ombros. Miras ao teu arredor, e está claro por que a xente estaba aquí: camisetas, sudadeiras, muñequeiras, gorros, algunha que outra coa cara pintada. Todas co mesmo: osos pandas, da súa mítica canción. Non había dúbida, estabamos nun concerto de Lendakaris Muertos.

Soa o himno da URSS. Puños dereitos en alto e aqueles que se atreven a cantar en ruso tentan chapurrear os versos deste. Tras el, a voz feminina que, con Lendakaris Muertos Saludan a sus Camellos daba inicio a Cicatriz en la Matrix (2016), da inicio tamén ao concerto da Capitol. Dende aí, o guitareo punk non cesará. Os pogos terán caídas, crowdsurfing, e aos propios Lendakaris.

Sempre me pareceu que Lendakaris Muertos sabían facer discos punks directos, sen deixar nunca de lado unha necesidade política que cubrían en cada unha das súas cancións, e todo aquel que se deixa ver por Avante en Santiago de Compostela está máis que afeito a cantar as súas cancións cada xoves. Sen embargo, o vivido en directo é mellor que calquera outra forma na que podamos imaxinar aos Lendakaris, superando o estudo dunha forma apoteótica, e sen capacidade de comparación a un pogo nunha discoteca.

A 2018, os Lendakaris Muertos xa sacaron seis discos. Normalmente, un grupo con tal cantidade de discos fora tendería a deixar de lado os traballos vellos e darlle importancia ás novidades. Non é o caso dos Lendakaris, cuxo repertorio en directo cubre os éxitos de todos os seus discos, se ben si que soan máis cancións dos seus últimos traballos.

Os momentos de compromiso e interacción co público son unha dos maiores éxitos do seu directo. Moitos foron os momentos nos que Aitor Ibarretxe colleu bebidas que as primeiras filas ofrecían ao cantante nos moitos momentos nos que este decidía acercarse a eles, e se fose pouco o acercamento as primeiras filas, el mesmo, xunto a Joxemi Urkullu e a súa guitarra e Jokin Garaikoetxea e o seu baixo, lanzáronse a tocar temas en medio do público, mentres Potxenta Ardanza quedaba no escenario tocando a batería ante as primeiras filas.

Un dos momentos que máis me encantaron foi durante Cómeme la Franja de Gaza, onde Aitor colleu un móbil ofrecido polo público e gravou o que estaba a acontecer no escenario durante toda a canción, con Joxemi entre as súas pernas durante o proceso, tocando a guitarra.

Non faltaron, tampouco, os cantos políticos entre o público, acorde co concerto que estabamos a ver. Dende os sarcásticos momentos nos que o público decidiu corear un xa moi socorrido e un tanto cansado “UPyD”, ata un instante de camaradería no que este acordouse, cun “Absolución Emilio Cao” do rapaz que será proximamente xulgado pola súa participación nas Marchas da Dignidade de 2014, a quen lle piden 5 anos e 8 meses de prisión.

Pechou con Oso Panda, ante un público intensamente emocionado. Concretamente, tiven un momento gracioso no que Aitor e eu conectamos os nosos radares de louros e, tras sinalarlle no “Cómete el bambú” da canción, negoume co dedo e sinaloume indicando que mo tiña que comer eu. Foi bonito, e todo.

Tras Oso Panda, volveu soar o himno da Unión Soviética. Puños dereitos en alto de novo, cun sentimento de solemnidade política emotivo tras tanta liberación de adrenalina. A partir de aquí, cada un a seguir coa súa vida, tratando de manter ou recordar a intensidade vivida no resto de noite. Sen dúbida, Lendakaris Muertos déronnos unha noite para o recordo.