Justin Timberlake – Man of the Woods

02/02/18 • RCA Records

por | Feb 7, 2018 | Discos, Música | 0 comments

Odio a Bruno Mars e Pharrell Williams. Non é un odio que poida xustificar, a verdade. Non me fixeron nada persoalmente, mais os cambios que están producindo indirectamente en artistas mainstream parécenme terribles. En primeiro lugar, sinalo a Bruno Mars por algo obvio: ven de gañar o premio de Album do Ano nos Grammys co seu 24K Magic, un revival do R&B e o soul máis oitenteros que recoñezo que, se ben non lle daría un premio así, gustoume. Pharrel Williams, polo seu lado, é un dos mellores produtores actuais deste estilo musical. Pero, isto está mal? Aparentemente, parece que non. Entón, que pasa? Que, indirectamente, estes dous artistas marcaron cal vai ser a produción dos discos de pop mainstream da actualidade, e o seu primeiro contaxio notorio e cun resultado horrible foi, sen dúbida algunha, este Man of the Woods que temos entre mans. Proba fidedigna disto é que o propio Pharrell Williams figura como un dos produtores deste álbum, igual que xa aparecía con maior éxito e resultado no Culture II de Migos.

Deixádeme, por favor, falar un momento de min e a miña historia co pop mainstream. Situémonos ademais, nun terno 2013 no que as miñas inquietudes musicais comezaban a florecer intensamente e o meu hateo polo mainstream era, sen dúbida, xigantesco. Nese senso, apareceu na miña vida cunha prole de boas críticas o The 20/20 Experience. E a miña mente inocente e prexuizosa comezou a facer o seu: como Justin Timberlake, cantante tan coñecido, membro de NSYC, podía facer un álbum tan destacable? Por favor, tiñamos que ser serios! Era alguén famoso, ninguén famoso e que cante pop pode facer un bo álbum! Veña, non queda outra, vamos a probar. Vamos a probar, e calar a boca. Abramos os ollos, e vexamos que un nome famoso non ten que significar un mal álbum. Abramos a porta a Lady Gaga de novo, Mario, que tanto che gustaba na túa adolescencia, a Rihanna, a Beyoncé, a todas as divas e divos do pop que levaban anos facendo cousas bonitas e ti decidiches ignorar. Abríase unha nova porta para min. A dunha industria musical na que os grandes nomes tamén sabían facer discos bos, aínda que os singles fosen comerciais. E, incluso, abriuse para min a porta de saber desfrutar da música comercial, e verlle nese sentido algo verdadeiramente positivo.

Agora, cinco anos despois de que The 20/20 Experience me namorase, con aqueles ritmos neo-soul, con aquela produción atrevida, con aquela necesidade que Justin Timberlake de superarse a si mesmo e demostrar que era un artista que tiña moito que ofrecer. The 20/20 Experience foi un antes e un despois na súa carreira. Entón, tendo isto en conta, e tras cinco anos de ausencia, as expectativas en Man of the Woods eran enormes. Sen embargo, o resultado resulta, en moitas ocasións, decente como moito, e en demasiadas outras é directamente embarazoso.

A construción do álbum é directamente incongruente. Nalgúns momentos, a vea máis pop, de obras como FutureSex/Lovesounds (2006), aparece de novo en escena, dando a cancións como Filthy ou Sauce un lugar no que volver a existir, aínda que semellen máis descartes de traballos anteriores que unha obra nova.

Hai momentos nos que, directamente, o rumbo de Justin Timberlake está totalmente perdido. Falo dos momentos nos que o country golpea con forza o álbum, véxase Man of the Woods, Livin’ Off the Land ou Flannel, nos que directamente pregúntaste por que segues tentando escoitar algo así. Algo no que as letras non atraen, e moito menos a música, onde os intentos de Timberlake de mesturar ese son americana co seu típico pop de principios de século resultan nun homúnculo noxento, o cal non deixa máis que unha pregunta: por que, no san xuízo de alguén, isto debería existir?

Antes, ao comezo da crítica, aproveitaba para falar de Bruno Mars e a súa influencia no álbum. En parte, os temas máis salvables do álbum, son nos que a liña é máis similar a esta. Falo de temas como Midnight Summer Jam, Higher Higher ou Montana, nas que aparecen momentos pop e funk combinados con maior tino que o resto de álbum. Nelas podemos observar a un Timberlake máis gustoso, pero moi lonxe aínda do que debería ter sido o Timberlake herdeiro dos seus anteriores traballos.

Man of the Woods é un álbum inmaduro, baleiro, sen contido e sen intencións. Un puñado de estilos que non conseguen encaixar e cheo de cancións que nunca cheguen a dicir nada. Se o álbum anterior de Justin Timberlake poñía en xaque todo o aprendido na industria comercial mainstream, este, en cambio, abraza todo o peor dela.

Justin Timberlake