Select Page

JPEGMAFIA – Veteran

19/01/18 • Deathbomb Arc

Non sei moi ben cal sería a maneira correcta de comezar unha crítica a un disco como o Veteran. Como explicar o que é o glitch rap? Como explicar como alguén pode incluír no industrial hip hop elementos do trap? Que é, entón, isto? Que é, entón, o post-rap? Bebendo de artistas como Danny Brown, Death Grips, Clippin’ e Lil Ugly Mane, actualizando e atrevéndose en cuestións que ningún dos citados tivo valor, marcando ás veces un ritmo máis clásico ca eles, cunhas bases sucias, moito máis do normal, e unhas letras sen pelos na lingua e cargadas de política, JPEGMAFIA, Peggy, marcouse un dos albumes do ano.

Cando o álbum comeza, con 1539 N. Calvet, os pasos que imos dar cara a experimentación musical son claros. Mais, sen embargo, é a partir de Real Nega cando esta cuestión será máis obvia. Sacando elementos do industrial, do techno e da electrónica, todo creado baixo o sampleo do tema Goin’ Down dos Ol’ Dirty Bastards.

Tras temas de calidade, a sorpresa chega en Rock N Roll Is Dead, onde as bases creadas anteriormente nos anteriores temas volven ser superadas. As distorsións vólvense cada vez maiores, sen deixar nin un segundo para que algo melódico poida aparecer na primeira parte da canción. Os ataques políticos cara a dereita estadounidense aparecen entre isto, coas directas rimas “We don’t fuck with alt right/Y’all ain’t never been a threat/If y’all come to Baltimore we gon’ stick ‘em for their racks/We gon’ beat them crackers dead/We gon’ fuck up on they wife”. Peggy, crecido en Baltimore, unha das cidades máis conflitivas de Estados Unidos, así como unha das que teñen máis poboación negra, avisa que a supremacía branca non ten lugar alí. Directamente, sen cortarse, e sen dar un paso atrás. Aparecerán, entre o lixo, os primeiros versos melódicos de todo o álbum, e practicamente os únicos.

Libtard Anthem resulta un dos experimentos máis interesantes do álbum. Nel, Peggy volve producir, coma todo o álbum, mais nesta ocasión é Freaky, un dos míticos rapeiros da cidade de Baltimore, quen colle as rimas. Tras ela, Panic Emoji clasifícase como unha das cancións máis trap do álbum, cun bombo de fondo potente e quizás menos experimentación da habitual, mais completando outro gran tema.

Volven as palabras en contra a dereita estadounidense en Rainbow Six, practicamente ao final do álbum, dedicando a estes un importante verso. Sen embargo, o interesante desta canción é a construción de practicamente todo o tema ao redor dalgo tan simple como un grito afogado, repetido ata a saciedade, que se convirte na base do tema. Sobre el, o resto de instrumentación completa unha base tola, sucia e incrible. E, tras isto, Yung Midpack e JPEGMAFIA riman. Tras el, e por se as referencias en temas anteriores non fosen suficientes, 1488 chega como tema dedicado por completo a criticar a supremacía branca.

Existen certos temas tamén destacables por outras cuestións. Dayum é unha canción instrumental, igual de atrapante e sucia que o resto. Outras, como I Cannot Fucking Wait Until Morrissey Dies, non deixan de ser bos temas, máis os títulos non referencian en absoluto o contido da canción.

Que dicir de Veteran? O primeiro, que debo recuperarme. E non só agora, tras escribir isto, senón que necesito un tempo tras cada escoita para calmarme. Sen conseguir centrar os temas líricos nalgo, quizás o maior fallo do álbum, a súa capacidade produtiva é incrible. JPEGMAFIA trouxo algo necesario, cargado de mensaxe política, moi a ter en conta para calquera lista de mellores albumes a finais de 2018, na que a exploración musical e estilística reina.

JPEGMAFIA