Yung Beef – ADROMICFMS 4

01/02/18 • La Vendición Records

Sinto certa devoción cara Yung Beef. Véxoo unha versión actualizada para o territorio estatal do que sería Young Thug en Estados Unidos. Ambos manteñen un nivel de produción musical alto, no que moitas veces saen airosos e conseguen rodearse de moitos dos mellores produtores de trap do panorama. Young Thug tería a xente como London on da Track ou Wheezy, e Yung Beef ten, igual que Los Santos anterior e posteriormente, a Steve Lean. Tamén é similar nesas producións algo interesante: series de albumes nos que os seus fans fan os seus desexos máis escuros realidade: Young Thug, os Slime Seasons; Yung Beef, os ADROMICFMS. Se houbese que atopar algunha diferencia, é que Young Thug tentou levar ao límite o seu trap nas súas últimas obras, Jeffrey e Beautiful Thugger Girls. E, se ben Yung Beef non forzaba este límite ata agora, as experimentacións deste ADROMICFMS 4 son máis que notables, e os seus traballos baixo Fernandito Kit Kat dan suficiente cancha como para que non podamos falar de que Yung Beef coñece límites estilísticos a día de hoxe.

ADROMICFMS 4 soa trap. Soa a Steve Lean. Soa ao dúo que tanto nos encantou en traballos anteriores. Pero hai novas cousas. Non soa tan limpo como os dous anteriores ADROMICFMS, destacando Rosalía neste caso como principal mostra dun lixo no son que anteriormente non estaba. Canción, por certo, dedicada á cantante deste nome. En xeral, a canción resulta un tributo tan interesante como a obra da artista, á vez que un pequeno avance musical para Yung Beef.

A aposta de Fernando Gálvez no álbum é, ademais, maior que nos anteriores traballos baixo o nome de ADROMICFMS. Non só é máis variado no estilismo musical, senón que, ademais, agora tentará non deixar nada do que pode facer fora. Normalmente, un álbum de 58 minutos debería ser pesado en certas ocasións, mais neste traballo Yung Beef consegue espertar o suficiente interese como para que isto non suceda.

En Shooting x Provation, disimulados cambios de rimo conseguen que os nosos corazóns latan ao ritmo do tema, xogando co noso ritmo cardíaco. Apresurándonos, facéndonos ir máis lento, introducíndonos no son. O cambio de Shooting a Provation funciona moi ben, e o cambio de canción, aínda que moi leve na melodía, é palpable. Hakim consegue engadirse perfectamente ao xogo que Yung Beef e Steve Lean estaban tentando crear.

En xeral, todo o álbum pretende crear unha sensación de atrape e claustrofobia evidente. Non aparecen momentos bailables, nin rompepistas, nin deses que anteriormente nos ten brindado Yung Beef e temos esgotado en escoitas, repetíndoo ata a saciedade. Lonxe desa liña, Lonely aparece sorpresivamente, cun piano solemne acompañando a un Yung Beef que tenta chegar en ocasións, coa súa voz tan rachada, aguda e recoñecible, a notas melódicas pop. E cal é a sorpresa? Que funciona. Funciona moi ben.

ADROMICFMS 4 é o traballo máis atrevido de Yung Beef ata a data de hoxe. Non busquedes nel temas icónicos. Non existe nel un temón identificable, repetible. Non é un disco de singles. Tampouco o procura nin o precisa. Nel, Yung Beef pretende mostrarse como un artista completo. E conségueo.

Yung Beef