Select Page

Rhye – Blood

02/02/18 • Loma Vista Recordings

por | Feb 6, 2018 | Discos, Música | 0 Comentarios

En moitas páxinas especializadas, á hora de mencionar o traballo de Mike Milosh e Robin Hannibal como Rhye, soen clasificalo como Alternative R&B. Algo que me fai moita gracia, porque non presenta tantos exemplos deste estilo salvo a entoación á hora de cantar en certos momentos, sendo noutras moitas, e maioría, máis similar ao Dream Pop, ou ao Art Pop. En tal caso, en calquera destas definicións, non podo deixar de pensar que, se ben non é un mal grupo, todo o que rematan facendo resúltame unha especie de James Blake descafeinado.

Rhye saben facer música. Non dubidamos desto. Aínda así, sempre rematan, incluso nos seus mellores momentos, cun resultado covarde. Como se algo faltase. Como se certa chispa non se prendera aínda. Entón, á hora de dixerir o que escoitamos, temos unha especie de contradición. Porque o que acabamos de escoitar gustounos, pero non sabemos que lle falta.

Taste é o éxito do álbum. O single estrela. O que debería ser algo tecnicamente perfecto. E, sen embargo, aínda sendo un dos momentos máis doces do álbum, remata nesa estrutura entre alternative r&b e dream pop que non termina de conectar. Similar ao son creado por the xx no seu último traballo, boto en falta unha produción de Jamie xx para poder reencher ese baleiro que atopamos.

Despois de Taste, chega a escena Feel Your Weight, outro tema a pe entre the xx e cun resultado un tanto daftpunkiano. Nel, a letra, aínda que sinxela, tende a un intimismo sexual no que a repetición de frases, coma se fosen ao oído da persoa coa que queremos intimar, consegue funcionar. O piano, tímido, parece discutir cunha liña de baixo rápida, creando unha sensación de plenitude.

Tras eses momentos, o disco apágase practicamente ata Phoenix, onde o ritmo tenta chegar a máis. Sen embargo, a mestura da canción mantén o son practicamente ao mesmo nivel en todos os instrumentos, non conseguindo unha xenialidade.

Sinful, rematando o álbum, da un dos mellores momentos do álbum. O máis lonxe de todos os momentos rythm and blues, aquí Rhye tentan cantar nunha liña máis pop pura. As guitarras, o baixo, e toda a instrumentación que rodea a canción crean unha atmosfera pura, tranquila, mais abafante.

Blood é un traballo sólido, sinxelo de escoitar e que non consegue aburrir. Se ben en certos momentos resulta repetitivo, ou pouco atrevido, non manchan a calidade dos temas en demasía, xa que vese talento neles e unha capacidade instrumental moi rica. Si, non é o disco do ano, mais tampouco é, nin por asomo, dos peores.

Rhye