Select Page

por | Feb 6, 2018 | Concertos | 0 Comentarios

Oh! Ayatollah: Bailando a tristeza, pero felices.

Ataque Escampe, Atrás Tigre, The Homens e Familia Caamagno (que, por certo, tocaron unha cover daquela mítica Ayatollah dos Siniestro Total) como teloneiros. Que narices imos ver como cabezas de cartaz cuns gardaespaldas así? Se nunca escoitástedes a día de hoxe aínda a Oh! Ayatollah, sabede que estades cometendo un auténtico erro. Se xa o fixéstedes mais non acudíchedes ao concerto do pasado venres, sabede que cometéstedes un auténtico erro. Se, pola contra, estábades alí coma mín, estou seguro de que recoñeceredes que Oh! Ayatollah saben como facer unha auténtica festa.

Esteban, de Esteban & Manuel, como mestre de cerimonias. As presentacións van unha tras outra, as risas e o bo rollo aumenta tema a tema e a cada felicitación das amizades que viñeron a apoiar aos Ayatollah na estrea do seu primeiro LP, Volve a canción protesta. O ambiente xa é propicio, e Nuno Pico sae a dirixir o cotarro. Comezan os cantes, os primeiros cantos tímidos do público, dous pavos se montan un pogo de dúas persoas preto de primeira fila. O normal, non o sei. O necesario nalgo así, seguro.

Hai varios momentos doces no concerto, destacando en primeiro lugar que Esteban non se ía conformar con ser presentador, e tanto el coma Manuel subiron ao escenario a interpretar dous temas con Oh! Ayatollah, un deles e un dos anfitrións. As diferencias foron claras, e Esteban&Manuel levaron mellor ao seu mundo aos Ayatollah, facendo unha introdución a Nuno Pico no pop con autotune. Subiron tamén Carla Fraga e Hevi, produtor do álbum, para interpretar Case Todo é o Que Parece, igual que no estudo, dando un momento agarimoso que tanto grupo como invitados desfrutaron.

Chegados a Venganza, a conexión co público estaba nun momento álxido. Nuno aproveitou a conexión para baixar ao público durante ela, previo ao cambio de ritmo que tanto nos gustou á hora de facer a review, e conseguindo que en directo fose unha canción incluso máis interesante.

Se tivese que quedarme cun momento favorito, ese sería Familia Política. Xa era unha das miñas cancións favoritas do álbum, pero cantala en directo, ao lado dunha das miñas mellores amigas, mentres ambos sacábamos referencias da nosa vida diaria dela pareceume algo precioso. Algo que no seu momento non cavilara, e que creo que lle outorga á canción unha capacidade empática especial.

Chegados ao final, e con tristeza, chegaba a hora de despedir aos Oh! Ayatollah tras tantos momentos bonitos. Anunciaron a última canción, aquel single que adiantaran en decembro e homónimo ao álbum. Comezaron as guitarras, e todo o público comezou a corear e cantar. As caras de ilusión e felicidade a pesar da letra, triste e morriñenta, contrastaban a miña opinión sobre a canción na que xa falaba de “felicidade triste”. Pero non era momento de pensar tanto. Era momento de conectar con Oh! Ayatollah e co gran espectáculo que nos estaban a dar. E así rematamos todos aquela noite na Capitol, bailando a tristeza, pero felices.