The Soft Moon – Criminal

02/02/18 • Sacred Bones Records

por | Feb 5, 2018 | Discos, Música | 0 Comentarios

Tiven a sorte de ver a The Soft Moon dúas veces durante a xira do seu disco de 2015 titulado Deeper e sempre tiven a sensación de que a enerxía que transmitían en directo era moito maior que a que desprendía as versións de estudio das súas cancións. As pistas de adianto de Criminal, este novo traballo recén estreado, facíanme pensar que este disco podería ser aquel no que Luis Vasquez lograría capturar en unha grabación todo aquelo que The Soft Moon conseguen nos concertos.

E por fin, tras poder escoitar este novo traballo completo, penso que en boa parte ese obxectivo logrouse, mais tamén me permitiu darme de conta que algunhas das razóns polas que The Soft Moon non me remataban de namorar por completo ían máis alá do son máis contido dos seus álbumes. Criminal é xa o cuarto disco de estudio do norteamericano Luis Vasquez baixo o nome de The Soft Moon e trátase de un disco continuísta na fórmula musical empregada. As referencias seguen sendo moi claras, o post-punk de bandas como Joy Division ou The Cure e o rock industrial de Nine Inch Nails.

E este é quizáis o problema que lle atopo a Criminal, é un disco que vive en boa parte da nostalxia. A isto hai que sumar que Vasquez non é un vocalista tan interesante como Robert Smith ou Ian Curtis nin ten as habilidades de produción musical de Trent Reznor. Criminal é por tanto un disco que queda a medio camiño. O cal non quere dicir que non sexa un disco disfrutable, o arranque coas pistas Burn e Choke resulta moi efectivo e o ritmo frenético de Like A Father fan de esta canción unha especie de himno de discoteca dos anos oitenta pasado por un filtro industrial.

A pesar das pegas que se lle poidan poñer a este disco, é evidente que segue a ser unha escoita obrigada para os fans do darkwave e dos sons mais escuros e ruidosos do post-punk. Criminal pode que sexa o mellor álbum lanzado por The Soft Moon ata este momento, e se ben quizáis esperaba máis sorpresas e algo máis de innovación, non deixa de ser un traballo interesante.

The Soft Moon