Select Page

Rural Zombies – From Home To Hospital St.

26/01/18 • Mushroom Pillow

por | Feb 5, 2018 | Discos, Música | 0 Comentarios

E, por fin, chegou un novo traballo de Rural Zombies. Tres anos despois de Bat, os vascos volven con From Home To Hospital St. Aquí, os de Julia Urreaga veñen de novo con cancións dun post-pop sucio, pero bonito, cunhas guitarras nunca querendo liderar as cancións, acompañando perfectamente as baterías e á voz da cantante, deixando un traballo moi completo.

O dream pop ten algo moi interesante. Colle moitos dos elementos que fixeron tan importante ao post-punk e ao post-rock, e introdúceo nun dos estilos máis cristalinos que existen. O resultado, se ben en moitas cuestións non consegue encher, si deixa unha sensación de tranquilidade na beleza que outros estilos musicais non conseguen. Ethereal e Whateverest son dúas cancións exemplo disto: destacan por cambios rápidos de ritmo, onde as cancións deixan unha simpleza nas guitarras para centralas nos momentos de retrouso, creando sensación de profundidade.

Con todo, o que nun momento é belo, facilmente pode cambiar e cansar. Unha vez máis, en Bi volve a mesma fórmula. Aínda así traballo deste tema ten certas peculiaridades, e a liña de guitarra nos momentos dulces é preciosa. Cando o álbum parece estar comezando a coller unha forma demasiado básica, repetitiva e aburrida, Home trae unha voz de corrido e unha guitarra rapidamente rachada que recorda aos inicios de Foals aparece en escena, revitalizando a situación e dando algo de vida ao álbum. É curioso, ademais, que o tema consegue reproducir ese son máis vicioso do indie rock con éxito dentro do seu propio estilo. As guitarras rápidas volven en Wanted, pero non con tanto tino. As liñas de baixo en LRRH dan un dos últimos momentos xeniais do álbum. Nela, as guitarras volven con mellor ritmo e rachado que en Home, e combinándose coa voz atrevida de Julia aquí e o baixo, fan que este sexa o mellor tema do álbum.

Si, o post-pop é bonito. Tal vez, en certas ocasións poida resultar un pouco repetitivo, mais gústanos o que Rural Zombies conseguen facer co estilo musical aquí. Con todo, son máis desfrutables cando máis se atreven a alonxarse de dito estilo. En From Home To Hospital St. deixan temas que uns altofalantes queimarían encantados, e unhas gañas de mover a cabeza en directo que non moitas ocasións aparecen.

Rural Zombies