por | Feb 5, 2018 | Literatura | 0 Comentarios

Presentacións infantís en feminino

O pasado 3 de febreiro presentáronse en Pontevedra dúas obras do catálogo infantil de Urco editora: Xandra, a landra que quería voar e A Brétema

A editorial Urco non só se dedica a publicar traducións de ciencia-ficción e fantasía, como moitos pensan. De aquí a unha parte veñen impulsando as súas coleccións dirixidas a público infantil e xuvenil. Entre eles tiveron especial repercusión volumes como os de Mulleres Bravas da nosa historia, unha serie que ten o obxectivo de achegar aos máis pequenos a importancia de figuras femininas clave na nosa cultura.

Esta vontade de reivindicar o papel fundamental da muller na literatura manifestouse na Librería Paz de Pontevedra. Presentábanse conxuntamente dúas obras publicadas por mulleres e ilustradas por mulleres; aínda é máis; na presentación, só un dos asistentes era home.

Xandra, a landra que quería voar (Mercedes Queixas)

A propia autora admitía sentirse coma unha intrusa no mundo dos libros infantís. Afeita a escribir ensaios de lingüística, esta profesora decidiu cambiar o rexistro cando a súa filla pequena lle preguntou por que non escribía “contos dos que me contas a min”; a nena quería a historia dunha landra voadora, e Mercedes púxose mans á obra. Pensada para ficar na intimidade doméstica, ofreceulla a Paula Pereira para que fixese prácticas de ilustración. Tanto lle gustou o traballo de Paula que se animaron a amosarllo ás editoriais.

Mercedes afirmou sentirse moi abraiada por todas as boas reaccións que está a recibir dende a publicación de Xandra, a landra que quería voar. Ao non ser o seu ámbito non contaba con que gustase tanto a historia desta landra que se obstina en voar, incluso cando os demais lle lembran que non é posible, que o destino das landras é caer ao chan e conformarse. Tampouco imaxinara que presentaría a carón dun libro de María Victoria Moreno: “É unha honra, e case un atrevemento”, afirmaba.

 

Presentación urco

A brétema (María Victoria Moreno)

O segundo libro presentado foi esta reedición dun dos contos menos accesibles de María Victoria Moreno. A idea de publicalo tivo lugar, precisamente, a raíz das Mulleres Bravas da nosa historia. A colección recuperara a esta autora antes de que fose escollida como homenaxeada nas Letras Galegas 2018, e foi ao coñecer o nomeamento que decidiron apostar pola súa obra menos coñecida. O outro día falamos de O Cataventos, e hoxe foi outro álbum escrito por ela o protagonista. A brétema está ilustrado agora por María Montes, e conta a historia dunha anciá triste porque quere recibir os aloumiños dos demais.

Dúas apostas que farán as delicias de grandes e pequenos.