Select Page

Das Kapital – Ruído Negro

Das Kapital – Ruído Negro
31/05/11 • Discos da Máquina

Das Kapital – Ruido Negro

Moitas veces falamos da necesidade da música como medio utilizado para transmitir ideoloxía. Non é segredo que, nun principio, só a clase dominante podía acceder a ela con total facilidade, igual que a moitos outros tipos de cultura. Co paso do tempo, cos avances nos medios de comunicación, a música máis popular fíxose unha mostra dos sentimentos que os diferentes sectores da sociedade, dependendo da súa clase e dos coñecementos técnicos que tiñan. Entre todo isto, o pop saíu adiante, como o seu propio nome indica, como medio máis accesible e coñecido entre as masas populares. No momento no que Ruído Negro ve a luz, a situación do pop no Estado Español era moi cómoda. Viñan de triunfar fai nada Lady Gaga ou Maldita Nerea, e pronto Shakira estaría rebentando calquera lista co seu Loca. Contra esta música, predominante nela o posmodernismo máis individualista, os Das Kapital trouxeron algo diferente á escea galega: música electrónica, de ritmos marcados, baixas e graves voces, sintetizadores e ideoloxía. Moita, moita ideoloxía.

Contra toda esa escena musical de normas definidas, Das Kapital propuña non dar as costas ás necesidades da sociedade. Todas as cancións teñen nelas unha guía similar, e delas brota un desacougo irremediable. Os sintetizadores e as guitarras berran, furiosas, tristes, e a percusión, marcada e repetitiva, consegue en todo momento que a tensión creza.

A acción comeza en Ruído Negro con O anxo do desespero. Tras o recite deste polo propio Heiner Müller, Leo pasará a murmurárnolo a nós xa no noso idioma. A electrónica marcada da canción, onde kaossilator, sintetizadores e percusión aumentan a tensión das verbas do Leo, cambiando de murmurios a gritos desesperados, valga a redundancia, fan deste, tema máis metafórico do álbum, un imprescindible.

O factor humano proponse como o tema máis importante do álbum. Nel, unha percusión hipnótica soa mentres Leo recita, intercambiando o recite con canto no retrouso, onde repite unha e outra vez un “Velaquí estamos, factor humano”, con certo orgullo, creando unha dicotomía triste tendo en conta as frases recitadas tal que “Estamos nas horas do cancro e con todo/non sabemos nada da morte/nada do que acontece cando nos envolve/a treboada de ruínas que chamamos progreso/o lugar onde os días pesan menos que o medo”. Por unha banda, se ben Das Kapital son conscientes de cal é a súa posición histórica, tratan con sarna e tristeza a situación da súa clase, rematando cun tristemente repetitivo “Velaquí”, incrédulo. Desconfiando tristemente da situación na que a clase obreira se atopa, conscientes de todo o que lles rodea, máis, ao mesmo tempo, ignorantes do contido real do seu entorno. E, aínda con isto, orgullosos, moitos deciden abrazar esta situación e aceptala, aínda que iso sexa simplemente unha forma de non enfrontar os nosos medos.

O ritmo de Narcisismo é incrible. Comezando por aí, Das Kapital conseguen sacar máis do que outro calqueira sacaría deste poema de Lois Pereiro, dándolle unha rabia asombrosa, acompañándoo dun xogo de sintetizadores único e unha batería moi, moi rítmica, convirtindo Narcisismo nun tema moi, moi bailable.

De novo, Manifesto Dos Enfermos volta a darlle unha das pinceladas finais a algo soberbio. Volven os rimos electrónicos marcados, as baterías e o kaossilator. Leo comeza cun cantado “Na historia chove igual que nesta cidade/sobre o punto no que xa non hai marcha atrás”, pasando a combinar a repetición desta frase e o xogo rítmico entre frases lapidarias, acordándose de todo aquelo que non funciona. Das Kapital recordan idioma, valor de uso, o ritmo de vida baixo o capital. Todo ten un oco para ser recoñecido como unha preocupación da actualidade. Berros sen sentido e da verba “Nada” camúflanse coa instrumental no último terzo de canción, facendo fincapé na situación de desespero na que nos atopamos.

O que Das Kapital traen á mesa musical da loita de clases é algo que, en ningún outro lugar do mundo se conseguiu con tanto acerto. A música, lonxe do establecido e das leccións clásicas de música contemporánea, tenta romper en todo momento. As combinacións de recital e canto funcionan e se fan necesarias. Os ritmos, tan marcados, absorben. As letras, igual de necesarias, rematan de crear un aura preto da perfección. Ruído Negro supón unha das creacións históricas máis comprometidas coa súa clase e, ao mesmo tempo, conscientes de como a música funciona e as rupturas que nesta se deben crear. Un traballo excepcional, consciente e necesario.