Johnny Jewel – Digital Rain

26/01/18 • Italians do It better

por | Feb 2, 2018 | Discos, Música | 0 Comentarios

Johnny Jewel é un deses artistas que non se deben perder de vista. Coñecido polas súas colaboracións cinematográficas xunto a Nicholas Widing Refn e pola súa máis que notable aparición en Twin Peaks: the return, o xoven compositor dos Chromatics suscita unha expectación manifesta no oínte; sobre todo no que se refire á súa carreira en solitario a partir do camiño que se abre co proxecto coñecido como Windstep (2017).

A modo de continuación do seu anterior traballo, enténdese esta obra como unha experiencia sensorial; un álbum conceptual que nos intentará ubicar no seu mundo a través de todas as sensacións que persigue e que dependen, en certa medida, das diferentes texturas ambientais ou capas que se van construíndo.

Dende o seu título, Digital rain, invoca á choiva: solemne, relaxante. Gotas de samples que caen sobre liñas de pads creando un efecto parecido á choiva que se precipita sobre a cidade. Con calqueira dos álbums da serie ambient de Brian Eno como referencia, Johnny Jewel, non pretende máis que rexistrar a experiencia atmosférica da choiva “dixital”.

De carácter instrumental e prescindindo de baterías, voces e guitarras, neste traballo agroma unha presencia orgánica que recorda ao new-age dos 80, con sons moi líquidos e algunhas pasaxes de teclados intrincados. Xa pouco queda do son que definía a The Chromatics.

Digital rain fórmase de 19 movementos: cada unha das pistas fúndese na seguinte como si se tratara do tránsito constante das nubes que escurecen o día. Unha sinfonía que en palabras do propio Johnny “é unha imaxe especular de sí mesma, diseñada para xogar como un movemento líquido único”.

A dinámica do traballo manténse dende o primeiro movemento, onde apreciamos un son que nos recorda ao magnífico A sphere in the heart of silence de John Frusciante. De estética minimalista, ningún movemento se afasta do camiño que segue a obra, mais como calqueira sensación non é unha constante: pasaxes como Air museum, What if ou Seven corners resultan máis directos, máis definidos musicalmente e dalgunha maneira un pouco máis escuros, sin supoñer grandes variacións no son característico deste proxecto.

Aínda que non rexistre grandes innovacións na música electrónica, as pretensións de Johnny Jewel non van máis alá de filmar musicalmente a sensación da choiva que cae. É un exercicio introspectivo e certamente denso, dirixido a un obxectivo moi definido, o que fai que requira dunha escoita reflexiva.

Johnny Jewel