Select Page

Calexico – The Thread That Keeps Us

26/01/18 • ANTI-

por | Feb 1, 2018 | Discos, Música | 0 Comentarios

The Thread That Keeps Us é o nome do noveno álbum de estudo de Calexico, publicado o 26 de xaneiro pola discográfica ANTI- . A banda de Arizona expón nel o seu argumentario a partir da combinación de multiples estilos e tradicións musicais que tratarán de ser interpretadas en base á súa introdución no propio son da banda.

O indie rock que marca a dinámica das primeiras cancións; as influencias da música mariachi e tamén latina en Flores y tamales ; o funk de Another Space; a ambientación musical nos temas de curta duración e a aproximación ao jazz na última parte conforman a estructura estilística deste traballo. A paisaxe sonora complétase definitivamente con historias sobre a problemática fronteiriza entre o sur dos Estados Unidos e o norte de México, co deserto de Colarado sempre de fondo.

Da mesma maneira que resulta axeitado recoñecer as diferentes influencias que se van dispoñendo ao longo do lp, moito máis relevante resultaría esclarecer a forma en que estas son empregadas. Todo o abanico de sons e estilos é fabricado pola banda de dúas formas distintas: ben a partir da incorporación, á súa idiosincrasia, dos moldes formais e característicos das tradicións musicais ás que remite; ou ben mediante o emprego de instrumentos propios desas tradicións nas súas composicións máis achegadas ao pop e ao folk.

Non obstante, e a pesar do feito de que abunde a “fusión musical” ou a versatilidade estilística, o resultado deste exercicio non parece ser totalmente coherente. Noméase fusión musical á mestura entre dous ou máis xéneros nunha mesma obra, que á súa vez é capaz de xerar un estilo totalmente novo e diferenciado. Un exemplo moi característico do que se acaba de definir atópase na música brasileira de principios dos 70, onde unha enorme xeración de músicos como é o caso de Lô Borges, Arthur Verocai ou proxectos como o do Clube da esquina estableceron unha dialéctica entre as formas populares da bossanova e as fórmulas do jazz e do rock; orixinando un movemento que acolleu a un gran grupo de artistas e que aínda hoxe non perdeu toda a súa frescura.

Aquí a confluencia de xéneros non deriva nunha nova variedade de música, aínda que a proposta se diferencie de calqueira estilo musical . Quizáis sexa eso mismo o que supón que se perda todo o sentido e a coherencia: a aglomeración de xéneros provoca a ausencia dunha linguaxe musical definida, do entendemento dun grupo como tal. Ningún dos estilos se actualiza ou se repensa –“repensar” non é só pensar de novo, é pensar novamente. Esto non implica revisionismo ou revisión: non se trata de correxir, alterar, modificar ou mellorar. Repensar é reconsiderar, con todas as asociacións de coidado, atención e reflexión seria que van coa noción de consideración –. Percíbese Under the Wheels como unha cumbia porque a banda pensou nela como unha cumbia, independentemente do son que acabe adoptando; o mesmo sucede con Unconditional waltz ou calqueira dos exemplos citados anteriormente.

En definitiva, The Thread That Keeps Us trátase dun proxecto multixenérico e discontinuo no que cada campo actúa de xeito separado, colaborando entre sí, mais conservando cada un dos elementos os seus propios modelos e métodos. Será a última parte do álbum (na que se inclue un bo número de bonus track para a súa edición especial) a que dispoña de maior liberdade e creación músical, facéndose moito máis satisfactoria a súa escoita.

Calexico