O Cinema NUMAX dedica unha retrospectiva ao cine de Straub e Huillet

O Cinema NUMAX presentará desde febreiro a agosto, en colaboración co Museo Nacional de Arte Reina Sofía, unha ampla retrospectiva da parella de creadores Jean-Marie Straub e Danièle Huillet, situados entre os mellores cineastas modernos de Europa. Pasaranse un total de 37 filmes ao longo de 15 sesións, con copias restauradas en DCP VOSE coa supervisión persoal de Jean-Marie Straub.

Algunhas destas sesións xa foron celebradas no Centro Galego de Artes da Imaxe o pasado ano. Fainos moita ilusión que estas películas inéditas cheguen tamén a Santiago, e máis nunha sala comercial de cine, fóra do marco institucional de museos e filmotecas.

Baixo o título Jean-Marie Straub e Danièle Huillet. Facer a revolución é volver poñer no seu sitio cousas moi antigas pero esquecidas, esta retrospectiva mostrará un proxecto no que o cine é tanto unha forma artística como unha maneira política de irrumpir no presente.

Cun estilo que os sitúa entre os preceptos da Nouvelle Vague francesa e o Novo Cinema Alemán, a produción do dúo de cineastas tense caracterizado por hibridar o cine con outras artes coma o teatro ou a poesía, procurando sempre lecturas históricas e políticas do tempo presente a través dos vestixios do pasado.

Para os comisarios Manuel Asín e Chema González, a obra de Straub-Huillet “desmantela as formas cinematográficas para propor novas relacións coas imaxes e os sons: unha vontade experimental que comparten cos seus admirados Schoenberg, Griffith, Mallarmé, Chaplin ou Duras”.

Preme aquí para ver a información completa cos títulos e datas nos que se vai desenvolver este ciclo de cinema con maiúsculas.