Select Page

Nils Frahm – All Melody

26/01/18 • Erased Tapes Records

Unha das cousas máis fascinantes da música é o seu compoñente abstracto, como empregando distintos sons, ordenándoos e xogando cos seus timbres, tonos e cos ritmos somos capaces de transmitir unha enorme variedade de ideas e emocións. Porque todos sabemos que a letra das nosas cancións favoritas non nos transmiten o mesmo se as lemos escritas en unha folla de papel que se as escoitamos acompañadas da súa música.

Dos xéneros máis populares de hoxe en día, a música electrónica é aquela que explorou con máis ímpetu o compoñente instrumental e todos estes pequenos elementos que funcionan como o esqueleto da propia música. Tanto os instrumentos que permiten xogar coa propia onda de son como os sintetizadores como a tendencia cada vez máis frecuente de empregar o estudio como un instrumento musical máis non son máis que ferramentas que a música electrónica emprega para traballar coa abstracción da música.

Cabe destacar polo tanto que este All Melody de Nils Frahm é o primeiro disco que lanza dende que rematou de montar seu novo estudio en Berlín, e tal e como cabe de esperar, o que atopamos en este traballo é ao músico alemán exprimindo ao máximo seu novo instrumento, que ademáis dá portada ao álbum. A paleta de sons en este disco é enorme, dende coidados sons electrónicos de sintetizadores a elementos orgánicos como pianos, trompetas ou mesmo voces.

A produción en este traballo é de unha enorme calidade, non hai ningún elemento que se atope fora de lugar ou que teña un son excesivamente sintético. De novo nun traballo de Nils Frahm non sei ata que punto se podería considerar a este disco música electrónica, xa que non hai unha predominancia clara da mesma sobre o resto da instrumentación. Quizáis ese xénero de nome tan contradictorio como o neoclasicismo adaptado á súa versión do século XXI pode definir mellor o estilo do compositor alemán.

All Melody é sen dúbida un disco que busca crear uns ambientes pausados e melancólicos, e para a súa extensa duración non se move por moitos outros espazos, sen embargo o que Frahm busca aquí é explorar estas sensacións dende distintos enfoques musicais, xogando coa intensidade e sacándolle o máximo partido a seu novo estudio como seu principal instrumento.

Nils Frahm