por | Xan 30, 2018 | Cinema & TV | 0 Comentarios

Taquicardia a 120 pulsacións por minuto

Francia. Anos noventa. O SIDA esténdese coma unha epidemia por todos lados. E dende ACT UP París buscan solucións ante un problema de proporcións colosais. Con este argumento parte 120 pulsaciones por minuto, película dirixida por Robin Campillo e que conseguiu o Premio do Xurado no último festival de Cannes.

Antes de comezar, cómpre contextualizar. ACT UP (acrónimo de AIDS Coalition to Unleash Power) é un grupo que usaba a acción directa xurdido nos anos oitenta nos Estados Unidos ante a indefensión ante Estado e farmacéuticas dos enfermos de SIDA. Estaba conformado principalmente por persoas LGBT. Isto débese e que nun principio a enfermidade foi coñecida como “plaga gay” debido á imperancia de casos de persoas homosexuais. Esténdese co paso dos anos en Europa. En Francia as zonas máis activas foron París e Toulouse.

Campillo foi no seu momento activista do grupo no momento da narración e inclúe elementos biográficos na película. Consultouse documentación da época para non caer en erros. Iso si, non é nin tenta ser un documental. Isto é salientado pola propia estrutura da obra. Diferencia os momentos de asembleas e accións do grupo -onde hai practicamente un protagonismo coral, coa vida e progresivo deterioro de Sean (Nahuel Pérez Biscayart), un membro de ACT UP seropositivo. Esta loita pola vida cobra importancia sobre a colectiva segundo avanza a película.

120 pulsaciones por minuto é dura. Tenta amosar unha realidade incómoda dun xeito natural e sen estigmas mais con toda a carga que ten a súa temática. Está grabada, do mesmo modo, dun xeito naturalista, sen practicamente artificios. Transmite dun xeito transparente as confrontacións internas da organización e a pugna pola supervivencia ante un inimigo maiúsculo da mesma forma que o fai co sexo e a morte.

Un dos grandes acertos da película é no casting. As interpretacións son, polo xeral, moi boas e creo que se logra algo moi complicado: que as asembleas parezan realmente unha asemblea. Era moi sinxelo caer tanto na sobreactuación como en que iso parecese un debate de investidura. Pero non. Hai esa mezcla entre distensión e discusión -entre risas e debate- que caracteriza unha reunión de horas de duración destas características. Do mesmo xeito do que falan é crible tanto en temáticas como en termos. Dende unha discusión encarnizada sobre métodos de loita ata cal é o mellor xeito de festexar.

Hai un tema que explora que me pareceu realmente notable, a militancia como salvación. No caso de ACT UP, literalmente. Son persoas que, moitas veces, debido á súa enfermidade non pode traballar pero pasan xornadas extenuantes de debate. E iso é o que lle da vida. O que prolonga a súa existencia. E é algo totalmente extrapolable a calquera outra situación. A camaradería como sustento emocional e apoio.

Con todo o bo, penso que ten un defecto bastante grave. Durante as sesións de debate tanto mulleres como homes están presentes mais á hora de desenvolver aos personaxes máis aló do organizativo, soamente mostra a homes homosexuais. Por outro lado, verbalmente as reclamacións son moi inclusivas mais na realidade os únicos momentos onde lesbianas ou o colectivo transexual está presentes son poucos e, en ocasións, realmente forzados. Como se de repente a película lembrara a súa existencia e tivese a necesidade de incluílos para ser consecuente coas súas verbas e ca mensaxe que pretende transmitir.

120 pulsaciones por minuto creo que pode definirse moi ben con unha soa palabra: necesaria. Visibiliza, fai do persoal político e presenta unha realidade da que gran parte do público non está afeita a falar. Nese sentido, lémbrame á tamén galardoada en Cannes -esta vez na pasada edición- I, Daniel Blake. É unha clase de cinema cunha mensaxe que canto máis xente a coñeza, mellor. Iso sí, desta película tardei a metade en recuperarme que na longametraxe de Ken Loach. E iso, a pesar de que polo feito de escribir estas liñas, teño unha certa obriga de decidirme, todavía non sei se é bo ou malo.

120 pulsacións por minuto (120 battements par minute)


Director
: Robin Campillo
Guión: Robin Campillo, Philippe Mangeot
Fotografía: Jeanne Lapoirie
Ano: 2017
País: Francia

 

Les Films de Pierre