Kaos Urbano – Más Vivos Que Muertos

04/01/18 • La Tapadera Records

por | Xan 30, 2018 | Discos, Música | 0 comments

A música de Kaos Urbano é necesaria para a sociedade. Herdeiros do punk e do oi! dos setenta, ben definidos como hardcore punk, é unha alegría que este EP do grupo de antifascistas de Alcobendas os mostre en forma. En forma, por varias razóns: dentro do estilo que teñen, marcado, tentan sorprender. Non nos quedamos xa en riffs marcados e pobres, non, e os instrumentos nos que moverse tampouco son limitados. Enerxía e rabia, en dúas palabras. Pero tamén conciencia social, presente en cada momento das súas letras, durante cinco novos temas conseguen crear algo necesario e de accesibilidade.

Gústame pensar, en parte, que Kaos Urbano foron moi conscientes da súa situación actual á hora de facer este EP. Máis de vinte anos xa nos escenarios, con moitos traballos sobre a mesa, non son uns novatos. Tampouco son xoves. Pero si son, igual que foron, antifascistas.

Desde a Colina lanza ao aire nunha parte da canción algo que me parece que a resume perfectamente: “Aquí está la escoria que visteis crecer/La canción eterna contra el poder”. Agora, xa adultos, recordan que a súa loita non é unha novidade, senón que levan toda a vida loitando, e que non se foi nin un só dos contidos reivindicativos das súas cancións.

O momento máis emotivo do álbum ven con La 120, que ademais pecha o EP. A primeira estrofa da canción, “Nos llegó la noticia, nada bueno de esperar/5 detenidos en Madrid, una sensación de impotencia y rabia a la vez/Los perros del estado vuelven a morder”, eludindo aos detidos en durante o desaloxo do CPO La Trinchera, en Madrid. Na canción, recordan que o sucedido non é unha novidade, senón algo que xa leva moito tempo pasando. Acompañan isto dun repetido grito de “Sois nuestro orgullo”, despois de agradecerlles o que están facendo.

Loita, moita loita, e ánimos a continuar. Non eles, conscientes de cal é a súa situación, senón evocando a seguir combatendo o fascismo. A non renderse. Todo acompañado dunhas rabiosas guitarras, e dun sonoro baixo clásico marcando o ritmo das nosas cabezas. Gritos de necesidade, cunha intensidade necesaria. Cada canción, coma un pequeno fascículo nun traballo de literatura, tenta chegar a un tema concreto. O que Kaos Urbano traen é un pequeno tributo á loita antifascista e á camaradería.

Kaos Urbano