Select Page

Dream Wife – Dream Wife

26/01/18 • Lucky Number Music Limited
As veces non fai falta moito para sorprender. O debut do trío feminino británico-islandés Dream Wife non precisa máis de unha batería, un baixo, unha guitarra e unha voz como carta de presentación con este disco. Se o xénero do pop-punk as veces semella unha versión descafeinada e sen alma do punk orixinal, en este disco atopamos o oposto, un son que poderíamos definir como unha versión visceral do pop. Non sorprende ver como nas presentacións en directo de Dream Wife podemos ver un mash-up da canción máis potente de todo o disco, titulada F.U.U. co hit das Spice Girls Wannabe.

O disco arranca con potencia e con moita enerxía e espíritu xuvenil coa canción Let’s Make Out. En Somebody atopamos a cara máis accesible da banda, trátase de unha canción na que se mesturan as melodías pop con unha letra que narra unha historia con mensaxe feminista. Nas seguintes cancións o disco continúa movéndose por esas liñas mantendo a intensidade en todo momento con outras cancións destacables como Hey Heartbreaker ou Love Without Reason.

Aínda que estilísticamente non se emprazan exactamente no mesmo espazo, ao escoitar este disco tiven unha sensación moi semellante á de escoitar o tamén disco debut dos londinenses Shame, xa que os dous traballos veñen cargados de unha vitalidade e de unha enerxía xuvenil que elevan notablemente a experiencia de ambos discos. Dous álbumes que non reinventan ningún elemento musical pero que logran transmitir moito mediante a actitude das interpretacións instrumentais e vocais.

E se ben é probable que o disco de Shame resulte algo máis interesante e elaborado no aspecto puramente musical, a sinxeleza que Dream Wife desenvolven en F.U.U. namora con cada escoita. Trátase quizáis da peza menos elaborada e ao mesmo a máis satisfactoria de todo o disco, e funciona como un punto final máis que axeitado para este primeiro capítulo na discografía do trío británico-islandés, que nos deixa ao borde do precipicio e con moitas ganas de poder escoitar novo material de Dream Wife.

Dream Wife