por | Xan 29, 2018 | Literatura | 0 Comentarios

Pero, quen foi María Victoria Moreno?

De seguro oíches ese nome, pode que até saibas que foi mestra e escritora. Pero por se houbese algún despistado na sala, imos facer un repaso á figura da protagonista das Letras Galegas deste 2018.

É unha das pioneiras máis destacadas nas nosas letras, en especial no que se refire a literatura infantil e xuvenil. Porén, non era galega de nacemento (sendo natural de Cáceres), senón por decisión persoal. María Victoria Moreno quixo adoptar o galego e integrarse na nosa cultura por unha cuestión case sentimental:

“A miña relación con Galicia e a miña opción pola súa lingua é simplemente unha historia de amor”

María Victoria Moreno,1993

Escritora, mestra, tradutora e sobre todo defensora da lingua, María Victoria Moreno é a cuarta muller en ser recoñecida no Día das Letras Galegas, nos seus 55 anos de historia). É autora dunha morea de obras, algunhas das cales vou reseñar a continuación.

Mar Adiante (1973)

mar adiante

Portada de Xerais

A súa primeira obra é un dos grandes clásicos da LIX en galego, por ser pioneira en moitos aspectos. Coa premisa dunha mestra que conta como se fixo unha escola nun barco, introdúcense diferentes historias contadas a bordo do Arroás, o nome deste. Contos de mariñeiros e illas, do amor dun vagalume, de lobos e gaivotas, e moito máis.

Leonardo e os fontaneiros (1986)

leonardo e os fontaneiros

Portada de Galaxia

Considerada pola autora como a súa obra favorita, Leonardo e os fontaneiros está contada en primeira persoa polo rapaz protagonista, Antón, o cal é moi amigo de Leonardo; este é un can da rúa, moi amistoso e confiado. Ao longo dos capítulos que a compoñen, coñecemos ás personaxes e as diferentes aventuras que corren, en ocasións case surrealistas.

Anagnórise (1989)

Anagnórise

Portada de Galaxia

Posiblemente a súa obra máis coñecida sexa esta historia de amor (ou desamor). O título xa da unha pista do que atoparemos nela; a anagnórise refírese a ese momento da trama no que unha personaxe se decata da verdadeira identidade, súa ou de alguén máis.

Unha sorte de road movie na que o rapaz protagonista, Nicolau, farase amigo de unha misteriosa muller durante o seu traxecto a Madrid en auto-stop. Esta obra pasou xa por máis de 20 edicións, e incluíuse na prestixiosa listaxe de honra do IBBY.

O cataventos (1989)

o cataventos

Portada de Urco

Este álbum infantil que acaba de recuperar Urco Editora fálanos, a xeito de fábula, dun galo arrogante e ambicioso, e o control que quere exercer no galiñeiro e na granxa. Esta crítica social apta para todos os públicos gañou o recoñecemento do VIII Concurso nacional de contos infantís O Facho.

Eu conto, ti cantas (2005)

Eu conto ti cantas

Portada: Xerais

Este volume está composto por tres contos en verso, nos que, como fixera anteriormente, volve outorgar aos animais un papel protagonista. Xa non teño medo, Can branco, can negro e Un cachiño de bica son os títulos destas historias que invitan a descubrir os sentimentos e a amizade que poden sentir os demais seres vivos.

Moita obra por descubrir

María Victoria Moreno é autora de moitas obras que me deixo no tinteiro: libros de poesía, narrativa, traducións e colaboracións. Non en van está considerada unha das personalidades máis influentes na promoción da nosa literatura.

Un bo xeito de achegarse á súa obra é a través de O amor e as apalabras, de Urco Editora; unha recompilación de contos da escritora, un dos cales estaba inédito (ata o de agora).