Mvnich – Ina

Mvnich – Ina
05/09/12 • Autoeditado

Mvnich – INA

Téñolle un cariño especial a música de Mvnich xa que máis ou menos alí polo 2012, esperando para ver un concerto de Manic Street Preachers en Compostela, atopeime co directo de esta banda, un directo que me chamou o suficiente a atención para buscalos despois en internet, e tras escoitar seu son en estudio, chegar á conclusión definitiva de que me gustaba moito a súa música. Foi precisamente con este disco co que empecei a darme conta de que en Galicia temos moitas propostas musicais ben interesantes e que xa ía sendo hora de deixar de romantizar unicamente a cultura musical anglosaxona para pasar a prestar máis atención a aquilo que temos cerca.

Ina é o único disco de longa duración lanzado polo xa desaparecido quinteto vigués Mvnich no ano 2012. A banda liderada por Guillermo Zapata (quen estes días se atopa detrás dos micrófonos de Bifannah) explora ao longo das dez cancións que conforman este LP estilos como o shoegaze e o noise rock combinados con certos detalles puntuais que fan pensar nos sons máis post punk de The Cure. Todo esto sen renunciar en ningún momento a unha certa sensibilidade pop que fai que a música de Mvnich non deixe de ser accesible en ningún momento.

A canción que abre o disco, Magnicide, marca perfectamente o tono do álbum con unha batería e uns sintetizadores que funcionan como únicos elementos de referencia no momento no que entran as guitarras, dando lugar a un muro de son case impenetrable, que a pesar de poder causar unha primeira impresión caótica, semella estar medido e controlado a perfección pola banda.

Bonsoir Ina é un experimento no que se contrampoñen os elementos máis pop de todo o disco cos elementos máis ruidosos e escuros. A melodía da voz de Guillermo Zapata móvese en tono maior sobre os dous únicos acordes que conforman esta canción creando unha sensación apacible que se contrapón coa temática desconcertante da letra e coa extremadamente densa produción de esta pista que recorda a algúns momentos do Loveless de My Bloody Valentine.

En cancións como Whisperless ou Hideout a banda aproxímase máis ao son do post punk  mentres que en Silver Rain  e Hideout suben as revolucións e a distorsión das guitarras para achegar unha proposta máis enérxica e directa.

O disco pecha con unha peza instrumental de 8 minutos que se acerca aos terreos do post rock. Ina funciona polo tanto como unha aproximación a varios xéneros sen soar en ningún momento a un popurri. A produción a cargo de Xavier Eguía  e Jon Aguirrezabalaga (We Are Standard) permite que o son de Mvnich empregue constantemente o ruido e a densidade como elementos musicais sen que esto supoña renunciar a accesibilidade da música.