Select Page

The Lákazans – Sandwina

08/01/18 • Dotbeat

por | Xan 26, 2018 | Discos, Música | 0 Comentarios

Algo ten que ter o rock. Algo ten que ter ese xénero musical que hai xa máis de medio século revolucionou a música popular. Algo ten que ter para que hoxe en día, cando as últimas modas e tendencias musicais comezan a tomar camiños distintos, todavía seguimos atopando a unha infinidade de bandas e persoas que continúan a expresar manifestamente unha admiración polo rock. E se ben moitos énchense a boca a dicir que o rock actualmente está morto, iso non é certo, o rock segue vivo, soamente que xa non se atopa nos escaparates. Moitísimas bandas na actualidade seguen reinventando e propoñendo novos camiños moi interesantes para este xénero.

Sen embargo estas admiracións que desperta o rock teñen tamén, e cada vez máis presentes, outras consecuencias como pode ser a excesiva nostalxia pola que poderiamos considerar a época dourada do rock. Da man de esta nostalxia van tamén todos os proxectos musicais que hoxe en día continúan a ter como principal e case única referencia o blues e o rock de arredor dos anos 60. O novo traballo de The Lákazans móvese por estes lares.

A cousa comeza interesante con 300 Pounds of Legend, unha canción na que o ritmo pausado e contido en todo momento logra manter unha sensación de certa tensión e misterio ao longo de 6 minutos de duración. A única canción con unha duración maior en todo o disco é Let’s Make Love Until the Death of the Day, unha pista na que a improvisación gaña peso. E é precisamente en estes momentos máis blueseiros nos que toda a banda aparenta moverse con máis soltura e liberdade. O resto do tracklist está conformado por cancións que buscan emular o estilo do rock clásico, e se ben non están mal interpretadas ou compostas, non sorprenden.

Os xéneros músicais non deixan de ser unha serie de regras que os músicos se auto impoñen para enmarcar a súa obra en un determinado estilo. E o principal problema de moverse dentro de un xénero de unha enorme popularidade e que leva dominando a música popular por máis de 50 anos como é o rock, é que a xente xa coñece máis que de sobra as regras de ese estilo. Polo tanto ou se rompe coa nostalxia e hai atrevemento a romper algunhas de estas regras para explorar novos camiños ou o resultado é unha música que satisfacerá a aquelas persoas que seguen enamoradas do rock clásico, mais non chamará a atención de un público moito maior. Isto é xusto o que sucede en Sandwina de The Lákazans.

The Lákazans