Select Page

The Go! Team – SEMICIRCLE

19/01/18 • Memphis Industries

por | Xan 26, 2018 | Discos, Música | 0 Comentarios

Non vos fai gracia pensar en que a cantante de The Go! Team, Ninja, comparte nome artístico cun dos encargados de dar vida a Die Antwoord? E ambos rapean. Non sei, que estarei moi tonto eu, pero non sabía moi ben como meter esta parvada na review e pareceume unha boa forma de comezar rompendo o xeo. Dito isto, imos ao lío.

Xa van anos dende que The Go! Team sacou o seu excelente Thunder, Lightning, Strike! (2004). Dende entón, e isto non o poden dicir moitos grupos, mantiveron o tipo non un, nin dous, senón, incluíndo este, catro discos máis. Outros quedáronse atrás no camiño, perderon o rumbo, ou non conseguiron manter un son con propiedade aínda que sabendo introducir suficientes cambios necesarios como para resultar sempre unha escoita fresca, renovada.

Chegados xa a 2018, chega SEMICIRCLE. Xa dende a propia portada, chea de rapaces nun pavillón de secundaria (que, por certo, recórdame horrores ao xa mítico “GO DRAMA CLUB!” de High School Musical) sabemos que nos imos atopar un disco xovial, no que o borrollismo e a felicidade van estar presentes. Os temas non dan un segundo de descanso a un ritmo cargado de enerxía, nun álbum que parece alimentarse a cada segundo dos sorrisos daquel que o escoita. É un dos albumes, tamén, máis british do grupo. The Go! Team recorda moito a ese ritmo tan festivo que os Beatles utilizaron na creación do Sgt. Pepper’s Lonely Hearts Club Band (1967), sendo concretos na canción que da título a dito disco e ao seu reprise, e funciona moi, moi ben bebendo de dita fonte, e que dita renovación fai que o álbum teña unha vida e unha intensidade únicas. E, de feito, ata a portada recorda a este traballo.

O álbum comeza xa forte: Mayday, dos puntos máis fortes do álbum, semella a un grupo de animadoras nun partido de baloncesto, aínda que a letra pida axudas a gritos, creando unha mestura do máis interesante. Volvendo aos Beatles, en parte recorda a esa Help! Na que, cun ritmo alegre, pedían auxilio. Exactamente o mesmo, diferentes resultados, e ambos igual de interesantes.

O rap neste álbum chega en All The Way Live, onde as ganas de troula e de bailar están presentes en todo o momento nunha orquestrada canción que funciona á perfección gracias a Ninja. Entre o funky e o pop máis clásico, o resultado é unha auténtica festa. Este rap, de forma máis agresiva, volve en She’s Got Guns, e funciona de novo.

Non quería rematar a review, e se ben considero que Hey!, con ese ritmo electrónico repetitivo ten un resultado moito mellor, a Tangerine/Satsuma/Clementine, un toque instrumental no que The Go! Team conseguen transmitir, de novo, o que durante todo o álbum tentaron construír con palabras, e onde se ve que nunca fixo falta real destas para unha auténtica e clara mostra desa felicidade que o álbum tenta e consegue transmitir en todo momento.

SEMICIRCLE é un traballo moi redondo, con temas auténticos, orixinais, bebendo e sen esconder de onde ven e o que quere transmitir. Sen dúbida, un dos discos máis divertidos do ano. Polo de agora, que siga o baile de fin de curso.

The Go! Team