Select Page

Máis Blade Runner que ‘Blade Runner’

En esta época na que Hollywood está producindo constantemente secuelas, precuelas e reboots que queren ser como as películas orixinais, Blade Runner 2049 rompe con esta tendencia. O filme do director canadense Denis Villeneuve destaca máis por comprender a Blade Runner orixinal, estreada en 1982, que por tratar de imitala.

Non deixa por isto de sentirse en todo momento un filme de Blade Runner. A estética futurista e distópica da cidade de Los Angeles no ano 2049 da continuidade de maneira fiel e máis detallista á visión pesimista do futuro do primeiro filme de Ridley Scott. A historia de Blade Runner 2049 permite ao filme abordar de novo cuestións como a identidade persoal, qué significa ser humano, así como facer unha reflexión metafórica sobre as clases sociais e as discriminacións raciais.

Blade Runner 2049 ten como punto de partido para a súa historia a reflexión final da primeira película. Os replicantes non son androides, poden amosar tanta ou máis humanidade que calquera outra persoa, a discriminación que sofren débese ao feito de  non nacer biolóxicamente, de ser manufacturados.

Outro dato curioso é que o filme de Denis Villeneuve ten tamén como punto de partida literal unha escena extraída de unha primeira versión do guión da Blade Runner dos anos 80, de aquela aínda titulada como Dangerous Days. A banda sonora de esta secuela tamén fai algunahs referencias directas ás composicións de Vangelis, e emprega o sintetizador Yamaha CS-80 de novo como instrumento principal.

Sen embargo Blade Runner 2049 non é un filme que viva da nostalxia. Visualmente tanto como recrea de maneira fiel a apariencia do Los Angeles distópico atrévese a explorar novas localizacións, cada unha de elas con unha identidade visual moi característica como poden ser as granxas solares que cubren o chan de toda California que vemos na escena que abre a película, o vertedoiro de San Diego ou as ruinas de Las Vegas cubertas de po tras sufrir un desastre radiactivo. A iluminación e os encadres de Roger Deakins dotan en todo momento de un aspecto case pictórico as imaxes sen renunciar en ningún intre ao realismo que caracteriza sempre a obra de este director de fotografía.

O personaxe protagonista en este filme é de novo un Blade Runner, mais en esta ocasión a interpretación de Ryan Gosling alónxase marcadamente do perfil de detective privado ao estilo de Philip Marlowe que definiu o clásico papel de Harrison Ford. O protagonista do filme de Denis Villeneuve atópase a medio camiño entre Rick Deckard e Roy Batty, xa que en todo momento está tan próximo de ser un verdugo como unha víctima.

A historia que narra o guión de Hampton Fancher segue ao oficial K (Ryan Gosling) a medida que suceden unha serie de acontecementos que levarán a este personaxe a replantexarse a súa propia identidade. Unha historia que xoga coas nosas expectativas, que rompe coa idea reaccionaria do “elexido” presente en infinidade de filmes de ciencia ficción, e que permite recalcar a importancia do sentimento colectivo, rexeitando o caracter individualista das motivacións dos personaxes da película de 1982.

Blade Runner 2049 tamén introduce conceptos novos, como o das intelixencias artificiais, que se ben xa foron explorados varias veces en filmes recentes de ciencia ficción, no contexto do universo de Blade Runner gañan novas capas de interese e profundidade. Mais un dos principais acertos de esta película é que é en todo momento un filme de Denis Villeneuve. O director soubo deixar a súa pegada en esta historia dando nova vida a ideas antigas e introducindo novos elementos en este universo.

A figura de Ridley Scott como director executivo semella non ter amedrentado o máis mínimo a Villeneuve. Unha das principais cuestións que quedaron abertas tras o primeiro filme e que deron lugar a debates que se extenderon durante anos foi cal era a natureza de Rick Deckard. Durante a última década Ridley Scott tratou de por fin a esta pregunta asegurando case en cada entrevista que se lle concedía que Dekcard era un replicante, e penso que non cabe dúbida que se Scott tivese estado ao mando de esta secuela, esta idea teríase zanxado claramente.

Mais Denis Villeneuve foi capaz de comprender que Blade Runner non é unha propiedade de Ridley Scott, explorando e preservando este misterio, sen ter medo a deixar as portas abertas, aínda que sexa para sempre. Tres décadas despois da súa estrea este filme forma parte xa da cultura popular e cinematográfica, e a ambigüidade e as preguntas sen respostas forman parte do ADN de estas películas. É por isto que o maior logro de Blade Runner 2049 é comprender perfectamente o filme orixinal, máis ao mesmo tempo ser capaz de ser algo novo.

Blade Runner 2049


Director
: Denis Villeneuve
Música: Hans Zimmer, Benjamin Wallfisch
Guión: Hampton Fancher, Michael Green
Fotografía: Roger Deakins
Ano: 2017
País: Estados Unidos

Warner Bros. | Scott Free Productions | Thunderbird Films | Alcon Entertainment | 16:14 Entertainment | Torridon Films